Lugo e Mondoñedo únense para analizar o futuro dos Camiños de Santiago do Norte

LugoXa | AMariñaXa
As XIX Xornadas do Peregrino 'Abrindo Camiño' celebraranse os días 5 e 6 de setembro cun programa de debates, visitas patrimoniais, música, audiovisuais e unha romaría xacobea
XI-Xornadas-abrindo-camiño-2026
4 Sep 2026

Lugo e Mondoñedo compartirán protagonismo os días 5 e 6 de setembro coa celebración das XIX Xornadas do Peregrino 'Abrindo Camiño', unha cita dedicada nesta edición aos Camiños de Santiago do Norte. O encontro reunirá representantes de asociacións xacobeas, especialistas e responsables institucionais para reflexionar sobre o presente e o futuro das rutas de peregrinación, coa mirada posta tamén no Ano Santo Xacobeo 2027.

A primeira xornada desenvolverase o sábado 5 na cidade de Lugo. O programa arrancará ás 16.00 horas cunha recepción na Catedral Basílica e unha visita guiada ao Museo Diocesano e Catedralicio. Ás 17.30 horas, os asistentes poderán coñecer outro dos principais elementos patrimoniais da capital cun percorrido polo adarve da Muralla Romana.

O Vello Cárcere concentrará a partir das 19.00 horas a parte máis centrada na análise e no intercambio de experiencias. Tras a inauguración institucional, celebrarase unha mesa coloquio sobre os retos e novas perspectivas dos Camiños de Santiago, os denominados "neocamiños", os itinerarios culturais e os proxectos vinculados á celebración do Xacobeo 2027.

A programación incluirá ademais unha mesa asociativa con representantes de colectivos de Amigos do Camiño de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia. Posteriormente terá lugar un encontro de carácter institucional con responsables relacionados coa Fundación Camino Lebaniego, o Patrimonio Cultural do Principado de Asturias, a Agrupación do Camiño de Santiago do Norte e o Plan Xacobeo. A xornada lucense pecharase cun concerto da Banda Municipal de Música de Lugo.

O domingo 6, as actividades trasladaranse a Mondoñedo. A partir das 10.00 horas, o Real Seminario 'Santa Catalina' acollerá a recepción dos participantes e a proxección de varios audiovisuais dedicados ás rutas de peregrinación, entre eles traballos sobre o Camiño Histórico das Asturias, a Vía Küning e a variante marítima do Camiño do Norte pola Basílica-Catedral de San Martiño de Mondoñedo. Tamén se celebrará unha asemblea aberta extraordinaria da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Norte.

O patrimonio mindoniense terá un importante peso na programación. Ás 11.00 horas realizarase unha visita guiada á Catedral e ao Museo Diocesano e, unha hora máis tarde, celebrarase a Misa do Peregrino, seguida dunha actuación da Coral Polifónica de Burela. Ás 13.30 horas está prevista outra visita, neste caso ao Centro de Interpretación do Camiño de Santiago do Norte.

As denominadas 'Historias xacobeas' permitirán posteriormente achegarse a diferentes aspectos relacionados coa tradición peregrina. Entre os asuntos que se abordarán figuran os 1.200 anos do Ano Santo Xacobeo, a relación do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro co Camiño de Santiago e o documental 'Andrea López Chao, o legado dunha mestra galega en Cuba'.

A parte final das xornadas terá un carácter máis lúdico. Ás 15.00 horas comezará unha Romaría Xacobea na área recreativa e etnográfica 'Da Fervenza', en Viloalle, que incluirá unha visita ao Centro de Interpretación da antiga fábrica 'Electricista Mindoniense', un xantar campestre con produtos galegos e unha actuación do grupo de música tradicional Os Carricantos. A programación concluirá ás 18.00 horas cun torneo da chave por parellas, xogos populares e unha ruta en bicicleta.

As XIX Xornadas do Peregrino configúranse así como un encontro que combina reflexión sobre o futuro das rutas xacobeas, divulgación histórica e coñecemento do patrimonio de Lugo e Mondoñedo, ao tempo que reforza os vínculos entre os diferentes territorios polos que discorren os Camiños de Santiago do Norte.

PROGRAMACIÓN

0.11623096466064