Lourenzá xa conta cunha audioguía ficcionada e seis visitas culturais sobre Fernández del Riego
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense colabora co Concello de Lourenzá e coa Mesa Coordinadora Don Paco no programa cultural que organizan polo Día das Letras Galegas, dedicado neste 2023 a Francisco Fernández del Riego.
A Mancomunidade adaptou para este programa cultural a audioguía ficcionada do Concello laurentino Vilanova de Lourenzá. Paisaxes da memoria. Fernández del Riego descóbrenos os recunchos dunha nenez feliz, a cargo do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo coa colaboración da Deputación de Lugo.
Xa que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle as Letras Galegas 2023 ao escritor e intelectual laurentino Francisco Fernández del Riego, o Concello de Lourenzá e a Mesa Coordinadora Don Paco -que ten coma obxectivo programar, canalizar e desenvolver diversas actividades ao longo deste ano- organizan un programa de visitas culturais co que a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense colabora.
“Trátase de 6 visitas culturais diferentes, cunha duración temporal limitada de aproximadamente dúas horas en total, dedicadas a escolares, terceira idade, visitantes e outros diversos colectivos. Inclúe así a adaptación da audioguía existente reducindo o seu percorrido e tempo a 15 minutos, debido ás necesidades específicas da proposta. O programa de visitas, que é para facer de xeito completo, estará vixente ao longo deste ano 2023. Para facelo é necesario inscribirse no seguinte correo electrónico ou teléfono: lourenzaturismo@outlook.es ou no 646 384 124”, explican desde a Mancomunidade.
Igualmente, e para quen así o desexe, seguirá estando dispoñible a audioguía orixinal de maior percorrido e de cerca de 40 minutos de duración tanto na web de amarinalucense.gal coma a través dos auriculares illantes que se atopan para os visitantes na oficina de turismo de Lourenzá.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, explica: “que o Día das Letras Galegas, unha celebración que favorece a Real Academia Galega para homenaxear a un autor ou unha autora pola súa labor de defensa e promoción do noso idioma e a nosa cultura, estea dedicado a un escritor da nosa comarca supón que, Lourenzá en particular e A Mariña Lucense en xeral, poidamos visibilizar coma se merece a figura de Francisco Fernández del Riego. Contando ademais cunha audioguía dedicada á súa persoa é unha oportunidade para que a xente descubra este interesante recurso, e con el tamén o resto de audioguías existentes coma a de Alfoz, Cervo, Foz, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro”.
Cajoto Caserío subliñou que “ademais da Mesa Coordinadora Don Paco, a Xunta traballa xunto a outras institucións e entidades culturais galegas nunha programación amplía ao longo do ano para homenaxear ao escritor. O público galego é un dos públicos aos que nos diriximos pola facilidade para realizar escapadas culturais, de natureza e gastronómicas de fin de semana e fóra de tempada. A Mariña Lucense e o seu patrimonio cultural é unha comarca por descubrir, incluso para os propios galegos“.
Ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, a Mancomunidade estivo traballando tamén na revisión das audioguías existentes e na tradución das que faltaban: Alfoz e Lourenzá ao inglés e ao francés e as de Cervo e Foz ao español, inglés e francés, versións que proximamente estarán dispoñibles tanto na web da Mancomunidade coma nos auriculares illantes dispoñibles nas distintas oficinas de turismo.