Lourenzá reúne esta fin de semana scooters, motos e coches clásicos pola Festa da Faba

AMariñaXa
A XII edición do encontro celebrarase o sábado con scooters e motos clásicas e o domingo cunha ruta de coches clásicos
LOURENZÁ clasicos 2026
30 Sep 2026

A tradición dos vehículos históricos volverá formar parte da programación da Festa da Faba de Lourenzá durante esta fin de semana, coa celebración da XII edición do "Vespafaba & Clásicos Lourenzá". A cita, organizada polo club Clásic@s Lourenzá LU, desenvolverase os días 3 e 4 de outubro e reunirá ducias de scooters, motos e coches clásicos chegados desde diferentes puntos de Galicia.

O deputado Daniel García participou na presentación do evento xunto á alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e aos representantes do club Antonio Irimia e Borja Torrente. Durante o acto, García destacou a traxectoria da organización e a súa integración na programación da Festa da Faba, así como a contribución dos vehículos clásicos á dinamización das rúas da vila.

A primeira xornada, o sábado 3 de outubro, estará dedicada ás scooters e motos clásicas. A recepción dos participantes terá lugar ás 10:00 horas, seguida dunha ruta ás 13:30. Ás 15:00 horas celebrarase o xantar e, ás 17:00, terá lugar a entrega de premios. A inscrición para participar nesta xornada ten un custo de 25 euros.

O domingo 4 de outubro serán os coches clásicos os protagonistas. A actividade comezará ás 10:00 horas coa recepción dos participantes e continuará ás 13:30 coa saída da ruta desde o centro de Lourenzá. Ás 14:30 está previsto o xantar no Hotel Casa da Luz, mentres que ás 16:30 se retomará a ruta. A xornada finalizará ás 17:30 coa entrega de premios e sorteos.

A inscrición para a xornada dos coches clásicos ten un prezo de 40 euros, reducido a 30 euros para socios, mentres que os menores de 12 anos abonarán 15 euros. A organización establece prazas limitadas.

 

PROGRAMACIÓN

 

 

0.1561541557312