Lourenzá pon en marcha as actividades do programa Verán na praza

AMariñaXa
A programación reunirá actividades culturais, deportivas, musicais e de lecer que se celebrarán ao longo dos mércores dos meses de xullo e agosto
presentacion-actividades-veran-na-praza-lourenza
4 Jul 2026

O Concello de Lourenzá pon en marcha este verán unha nova iniciativa “para dinamizar a Praza do Concello e convertela nun punto de encontro para veciñanza e visitantes. Baixo o nome de Verán na Praza, a programación reunirá actividades culturais, deportivas, musicais e de lecer que se celebrarán ao longo dos mércores dos meses de xullo e agosto.

Esta nova proposta súmase á programación habitual do verán e nace co obxectivo de facer da praza un espazo vivo, aberto e participativo, pensado para persoas de todas as idades”.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica: “ademais da programación habitual, este ano quixemos dar un paso máis e crear unha iniciativa propia que lle dea vida á Praza do Concello durante todo o verán. Queremos que cada mércores sexa unha oportunidade para saír á rúa, compartir tempo en familia, atoparse cos amigos e desfrutar das propostas que ofrecerán as nosas asociacións”.

O Concello de Lourenzá salienta que “un dos aspectos máis destacados do programa é precisamente a implicación do tecido asociativo do municipio. Serán as propias asociacións de Lourenzá as encargadas de organizar gran parte das actividades, mostrando o importante labor que realizan durante todo o ano e achegando propostas moi variadas para todos os públicos”. E agradece “expresamente a implicación e boa disposición de todas elas, xa que sen a súa colaboración sería imposible sacar adiante unha iniciativa destas características”.

Con esta programación o Concello de Lourenzá busca que “a Praza do Concello se converta cada mércores nun espazo de convivencia, participación e lecer, consolidando un programa que nace coa vocación de crecer nas vindeiras edicións”.

Verán na Praza inclúe actividades como xogos en familia, baile tradicional, rutas, actividades ecuestres, educación viaria, deporte, música, espectáculos, presentacións de libros e festivais, “conformando unha programación variada para desfrutar do verán en Lourenzá”.

0.13043403625488