Lourenzá mellora os accesos a Paizás e A Rega con novas actuacións viarias

O Concello de Lourenzá está a executar obras de mellora nos accesos ás localidades de Paizás e A Rega, unhas actuacións coas que se pretende optimizar o estado das vías e facilitar a mobilidade da veciñanza. A alcaldesa, Rocío López, explicou que estes traballos se enmarcan no plan Camiña Rural 2025-2026 e contan cun orzamento total de 66.306 euros.
Do investimento global, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural achega 54.798 euros, mentres que o Concello de Lourenzá asume os 11.508 euros restantes con fondos propios. Segundo indicou a rexedora municipal, estas intervencións forman parte dunha estratexia máis ampla orientada a reforzar e modernizar as infraestruturas viarias do municipio.
Rocío López subliñou que o obxectivo destas actuacións é “seguir avanzando no plan de mellora das infraestruturas, atendendo ás prioridades e ao estado real das vías, pero tamén tendo en conta as necesidades e as peticións da veciñanza”. Nese sentido, anunciou que o goberno local xa ten programadas novas actuacións noutras estradas municipais, das que se informará nos vindeiros días.
Con estas obras, o Concello busca garantir unhas comunicacións máis seguras e eficientes, especialmente nas zonas rurais, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida da poboación e a vertebración do territorio.