Lourenzá estreará Xogal cun percorrido interactivo inspirado na historia do Conde Santo

AMariñaXa
A iniciativa converterá o centro histórico da vila nun escenario de investigación e aventura a través dun escape room ao aire libre
concello-de-lourenza
18 Jun 2026

A Praza Conde Santo de Lourenzá será o punto de encontro dunha nova proposta que combina lecer, patrimonio e participación cidadá. O próximo 20 de xuño, ás 11.00 horas, terá lugar a inauguración de Xogal, unha actividade ao aire libre promovida polo GDR Terras de Miranda que permitirá descubrir a historia e os recunchos máis emblemáticos da localidade dun xeito diferente.

Baixo o título “Lourenzá e o Conde Santo”, a experiencia convida aos participantes a mergullarse nunha aventura na que deberán seguir pistas, resolver enigmas e superar distintos desafíos relacionados coa tradición e o legado histórico da vila. O percorrido toma como referencia a figura do Conde Santo, un dos personaxes máis representativos da historia laurentina, e o impoñente mosteiro que marcou a evolución do municipio ao longo dos séculos.

A actividade transformará as rúas e espazos máis significativos de Lourenzá nun gran taboleiro de xogo, no que os asistentes poderán poñer a proba a súa capacidade de observación, traballo en equipo e resolución de problemas. Ao mesmo tempo, a proposta busca achegar o patrimonio cultural e histórico ao público mediante unha fórmula dinámica e participativa.

Desde a organización destacan que esta iniciativa pretende ofrecer unha nova forma de coñecer a riqueza patrimonial da comarca, combinando diversión e aprendizaxe nunha experiencia pensada para todos os públicos.

As persoas interesadas en participar xa poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma habilitada para a actividade. A cita marcará o inicio oficial deste proxecto en Lourenzá, que converterá a historia local nunha aventura chea de misterios por descubrir.

0.12387490272522