Na última sesión plenaria do Concello de Lourenzá, aprobouse unha moción presentada polo BNG que propón a construción dun paseo fluvial ao longo do Río Baos. Os nacionalistas destacaron que o río representa un recurso natural de gran valor para o concello e sinalaron o seu potencial para o desenvolvemento de actividades recreativas e turísticas. O BNG subliñou que a construción deste paseo fluvial non só melloraría a oferta turística da zona, senón que tamén serviría para promover a conservación do entorno natural e fomentar a educación ambiental.
O tramo inicial do proxecto está previsto entre a Ponte de Cuñas e o Pozo do Pombo, área que forma parte da Ruta Literaria Fernández del Riego, unha das zonas privilexiadas do concello. Un aspecto fundamental da moción é a participación da veciñanza. O BNG propuxo que o proxecto se desenvolva en colaboración cos veciños e os colectivos sociais, co obxectivo de incorporar as súas achegas e opinións. Segundo os nacionalistas, a implicación cidadá é clave para asegurar que as accións a tomar teñan continuidade no tempo, considerando que se trata dun proxecto a medio e longo prazo.
Ademais, incluíuse unha emenda do grupo de goberno para trasladar o acordo a todos os organismos con competencias na materia e solicitar financiamento á Xunta de Galicia, co obxectivo de asegurar os recursos necesarios para levar a cabo o proxecto. Durante o pleno, o BNG tamén instou ao equipo de goberno a mellorar a axilidade nos trámites municipais, como a concesión de permisos para obras e o pago de subvencións a asociacións locais. A formación nacionalista sinalou que os atrasos nestes procesos están a causar problemas aos colectivos, dificultando o desenvolvemento das súas actividades.