Lourenzá dá comezo á programación estival cunha xornada de xogos e convivencia familiar

O Concello de Lourenzá puxo en marcha este mércores a programación de Verán na Praza, unha iniciativa organizada en colaboración co tecido asociativo do municipio que botou a andar cunha tarde de lecer dirixida ás familias.
A primeira das actividades foi Xogando Xuntos, organizada pola ANPA Juan Rey Lourenzá no Campo dos Bolos. Segundo explica o Concello, a proposta reuniu a numerosas familias nunha “animada xornada de convivencia e diversión para toda a familia”, na que se desenvolveron xogos de auga, probas, retos e distintas actividades pensadas para compartir entre pais, nais, fillos e fillas.
Durante a xornada tamén se presentou e entregou o Pasaporte do Verán, “unha iniciativa coa que se pretende fomentar a participación nas distintas actividades organizadas polas asociacións locais ao longo da programación estival. En cada evento, as persoas participantes poderán selar o seu pasaporte e, ao remate do verán, aquelas que completen todos os selos recibirán un agasallo como recoñecemento á súa participación”.
O Concello destaca que “o excelente ambiente e a elevada participación marcaron o inicio desta programación estival, que ten como obxectivo ofrecer alternativas de lecer, cultura e participación tanto á veciñanza como ás persoas que visitan Lourenzá durante o verán”.
Así mesmo, a administración local agradece “a implicación da ANPA Juan Rey Lourenzá e do conxunto das asociacións locais, cuxa colaboración resulta fundamental para facer posible un programa diverso, participativo e pensado para todas as idades”.
Por último, o Concello anima á veciñanza e ás persoas que visiten Lourenzá durante os próximos meses “a seguir participando nas actividades que conforman esta nova edición de Verán na Praza, unha iniciativa que converte os espazos públicos en lugares de encontro, convivencia e lecer ao longo de todo o verán”.