Lourenzá convoca a sexta edición do Certame de Teatro Afeccionado

AMariñaXa
Os grupos interesados en participar deberán inscribirse nas oficinas municipais do Concello
A-compañía-Fauna-113-representando-a-obra-gañadora-no-certame-Concello-de-Lourenzá-do-ano-pasado
11 Jul 2024

A Concellería de Cultura de Lourenzá convoca a sexta edición do Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá, no que poderán participar unicamente compañías ou grupos de teatro afeccionado que superen un proceso previo de selección, admitíndose calquera tipo de xénero e empregando preferentemente a lingua galega en calquera das súas variantes dialectais.

Os grupos interesados en participar deberán inscribirse nas oficinas municipais do Concello de Lourenzá ou por correo, enviando a seguinte documentación: ficha de inscrición, que aparece na páxina web do Concello; fotocopia do CIF do grupo ou compañía; ficha artística e técnica; e DVD, pendrive ou tarxeta coa gravación dunha representación da obra presentada a concurso. O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte da publicación destas bases na web do Concello e rematará o 27 de setembro de 2024.

As representacións terán lugar no edificio multiusos Ponte de Cuñas durante os meses de outubro e novembro deste ano, establecéndose un máximo de oito (a organización, en función da calidade das obras, poderá modificar o número de representacións). O horario será establecido pola organización. No mes de decembro terá lugar a entrega de premios nunha gala na que haberá unha representación teatral ou musical profesional. Para cada premio o xurado seleccionará tres nominados e será nesa gala cando se coñeza o gañador de cada categoría.

A nominación será comunicada pola organización aos interesados. Á gala final deberán asistir todos os nominados/as ou os representantes nos que deleguen. O Concello nomeará un xurado independente que presidirá o edil de Cultura ou a persoa na que delegue. O fallo do xurado será inapelable. Cada grupo ou compañía de teatro seleccionado recibirá a cantidade de 350 euros en concepto de participación, desprazamento, montaxe, etcétera.

Ademais establécense premios: Conde Santo á mellor representación (750 euros e trofeo), Premio Lourenzo ao mellor actor, Premio Ana á mellor actriz, Premio ao mellor actor de reparto, Premio á mellor actriz de reparto, Premio á mellor posta en escena e Premio especial do público. O xurado, de acordo coa organización, poderá establecer algún premio máis se o considerara oportuno. Os medios técnicos necesarios para a representación correrán a cargo dos participantes. E a xestión de pago á SGAE polos dereitos de autor correrán a cargo do grupo ou compañía participante no certame.

0.11755013465881