Lourenzá convoca a sétima edición do seu Certame de Teatro Afeccionado

AMariñaXa
O concurso celebrarase en novembro no multiusos Ponte de Cuñas e repartirá premios en metálico e trofeos entre as compañías participantes
CARTEL-VII-CERTAME-DE-TEATRO-CONCELLO-DE-LOURENZa
22 Aug 2025

A Concellería de Cultura de Lourenzá anunciou a posta en marcha da sétima edición do Certame de Teatro Concello de Lourenzá, unha cita que ten como obxectivo promover e visibilizar o traballo das compañías afeccionadas. Poderán presentarse grupos que superen un proceso previo de selección, admitíndose todo tipo de xéneros, aínda que se recomenda o uso do galego en calquera das súas variantes dialectais.

O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, explicou que os grupos interesados deberán formalizar a súa inscrición nas oficinas municipais ou por correo. Para iso, deberán achegar a ficha de inscrición dispoñible na web do Concello, copia do CIF da compañía ou agrupación, ficha artística e técnica e unha gravación da obra coa que se presentan, xa sexa en DVD, pendrive ou tarxeta. O prazo para presentar solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación das bases na páxina web e permanecerá activo ata o 30 de setembro de 2025.

As representacións desenvolveranse no edificio multiusos Ponte de Cuñas durante os sábados e domingos do mes de novembro, cun máximo de oito funcións programadas. Xa en decembro terá lugar a gala de clausura, que incluirá a entrega de premios e unha actuación profesional, ben de carácter teatral ou musical.

Como novidade, a organización incorporará este ano unha pantalla de fondo no escenario, que poderá ser utilizada polas compañías que o desexen para proxectar decorados e mellorar así a posta en escena.

Cada grupo seleccionado percibirá unha axuda de 350 euros para cubrir gastos de participación, desprazamento ou montaxe. Ademais, haberá un premio de 750 euros e trofeo para a mellor representación. Outorgaranse tamén trofeos ao mellor actor e á mellor actriz, á mellor posta en escena, aos mellores intérpretes de reparto e un recoñecemento especial outorgado polo público.

⚙ Configurar cookies
0.20137500762939