Lourenzá conmemora o Día Mundial do Cancro de Mama cunha charla e unha merenda solidaria

O Concello de Lourenzá súmase á conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama cunha programación centrada na prevención, na sensibilización social e no apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade. A alcaldesa, Rocío López, anunciou a celebración dunha charla informativa e dunha merenda solidaria, ademais doutras iniciativas para recadar fondos destinados á loita contra o cancro.
A primeira actividade desenvolverase o 14 de outubro, a partir das 17.30 horas, no Multiusos de Ponte de Cuñas. Baixo o título Pautas para reducir o risco de cancro, a sesión será impartida por María Amparo Vizoso García, psicóloga da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), e Rocío Fernández Alonso, traballadora da mesma entidade.
Unha vez rematada a charla, as persoas asistentes poderán participar nunha merenda solidaria con manteigadas e chocolate. A iniciativa permitirá compartir un espazo de encontro e, ao mesmo tempo, colaborar coa causa.
A campaña municipal incluirá tamén, un ano máis, unha recollida de donativos para apoiar a loita contra o cancro. O Concello comprométese a entregar integramente os fondos reunidos á Asociación Española Contra o Cancro.
Ademais, a fachada da Casa do Concello iluminarase cun lazo rosa, símbolo de apoio ás persoas que padecen a enfermidade e de solidariedade coa súa contorna. Con este xesto, o goberno local pretende lembrar a relevancia da prevención, da detección precoz e do acompañamento ás persoas afectadas.
Desde o Concello de Lourenzá fan un chamamento á veciñanza para que participe nas actividades e colabore con esta iniciativa. A alcaldesa subliña así a importancia de sumar esforzos na loita contra o cancro de mama, unha causa na que a información, a prevención e o compromiso colectivo desempeñan un papel fundamental.