Lourenzá conmemora o 25N cun taller de defensa persoal, cine e actividades creativas

AMariñaXa
A programación do 25 de novembro inclúe unha sesión de autodefensa para mulleres, a proxección do curto "Xuntas" e un obradoiro creativo no Multiusos Ponte de Cuñas
LOURENZA-EN-NEGRO-25-N
16 Nov 2026

O Concello de Lourenzá prepara varias actividades para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o próximo mércores 25 de novembro. A proposta combina formación en defensa persoal, unha proxección audiovisual e unha iniciativa creativa, co obxectivo de contribuír á sensibilización e á prevención da violencia de xénero.

A xornada desenvolverase no Multiusos Ponte de Cuñas. A primeira actividade comezará ás 11.00 horas cun taller de defensa persoal dirixido ás mulleres, que será impartido por Eladio Esteban Santalla, instrutor desta disciplina e karateca con cinto negro sexto dan.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, terá lugar a proxección do curtametraxe "Xuntas". A programación continuará ás 18.00 horas cun obradoiro creativo baixo o título "A árbore dos bos tratos".

Ademais destas propostas, o Concello mantén aberta ata o 24 de novembro unha exposición titulada "Á violencia de xénero dille non", que pode visitarse nos baixos da Casa do Concello. A mostra está dispoñible desde o día 12 deste mes.

As actividades están organizadas polo Concello de Lourenzá, coa colaboración da Asociación Mulleres Rurais de Lourenzá e o apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

0.16513800621033