Lourenzá celebrará o seu Mercadiño de Nadal o 20 de decembro

O Concello de Lourenzá prepara unha nova edición do seu Mercadiño de Nadal, que terá lugar o domingo 20 de decembro na Praza César Chavarría. A actividade desenvolverase ao longo de toda a xornada, desde as 11.00 ata as 20.00 horas, cunha proposta que busca crear un ambiente festivo e ofrecer un espazo de encontro durante estas datas.
A alcaldesa, Rocío López, anima a veciñanza a participar nesta convocatoria, que define como "unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila".
As persoas interesadas en instalar un posto xa poden formalizar a súa inscrición. A participación é totalmente gratuíta, co propósito de facilitar a presenza de expositores no mercado e favorecer o desenvolvemento da iniciativa.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de decembro. As inscricións poden tramitarse nas oficinas do Concello de Lourenzá ou chamando ao teléfono 982 121 006.
Deste xeito, o municipio volverá contar cunha proposta comercial e festiva vinculada ao Nadal, coa Praza César Chavarría como punto de encontro para a celebración.