Lourenzá acollerá dúas charlas abertas á veciñanza sobre saúde e benestar

O Salón de Actos do Concello de Lourenzá converterase nos próximos días nun punto de encontro para a información e a divulgación sanitaria coa celebración dunhas xornadas sobre saúde e benestar organizadas pola Asociación Valdeflores. A iniciativa está aberta a toda a veciñanza e pretende ofrecer ferramentas prácticas para mellorar a calidade de vida e fomentar hábitos saudables.
A programación arrancará o domingo 28 de xuño ás 18.30 horas cunha conferencia titulada “Hipertensión arterial e diabetes mellitus. Ideas claves para o paciente”, que será impartida por Alba Blanco Vázquez, médica do Centro de Saúde de Lourenzá. Durante a sesión abordaranse cuestións relacionadas con dúas das patoloxías máis frecuentes na poboación, ofrecendo recomendacións e información útil para a súa prevención e control.
A segunda cita terá lugar o xoves 2 de xullo ás 19.00 horas baixo o título “Autocuidado e envellecemento activo”. Neste caso, a encargada de conducir a charla será María José García Veiga, traballadora social do Concello de Lourenzá, quen profundará en aspectos vinculados ao benestar persoal, á autonomía e á importancia de manter hábitos que favorezan unha vida activa ao longo dos anos.
Desde a organización destacan que estas xornadas buscan achegar coñecementos de interese para o día a día da cidadanía e crear un espazo de reflexión sobre a saúde e o coidado persoal. A participación será libre e gratuíta para todas as persoas interesadas.