Lourenzá acollerá a VIII Milla Fin de Etapa do Camiño Norte e o Campionato Galego de ruta

Lourenzá volverá converterse nun referente do atletismo galego coa celebración da VIII Milla Lourenzá Fin de Etapa Camiño Norte, unha proba que se disputará o sábado 6 de setembro de 2025 a partir das 16:30 horas na céntrica Praza Conde Santo.
A competición, organizada pola Federación Galega de Atletismo e as Escolas Deportivas de Lourenzá, co apoio do Concello, será ademais escenario do XVI Campionato de Galicia de Milla en Ruta e de 1000 metros, converténdose así nun dos eventos máis destacados do calendario autonómico.
Desde a organización salientan que se trata dunha oportunidade única para gozar dun espectáculo deportivo de primeiro nivel, xa que a milla é unha das distancias máis rápidas e emocionantes do atletismo en ruta. Xunto aos mellores especialistas galegos, tamén poderán participar deportistas de todas as idades nas categorías populares, que dispoñen de inscricións abertas a través da web www.carreirasgalegas.com.