Lourenzá abre o prazo para participar no programa estival “Tempo de Lecer – Lourenzá Concilia 2026”

AMariñaXa
A iniciativa ofrecerá actividades educativas, deportivas e de convivencia para nenos e nenas durante as vacacións de verán
nenos-campamento
28 May 2026

O Concello de Lourenzá volverá apostar este verán por facilitar a conciliación familiar e laboral coa posta en marcha dunha nova edición do programa “Tempo de Lecer – Lourenzá Concilia 2026”, unha proposta dirixida á infancia que combinará ocio, aprendizaxe e convivencia ao longo dos meses estivais.

A iniciativa desenvolverase entre o 22 de xuño e o 4 de setembro e estará destinada a nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2022. O horario habitual das actividades será de 9.00 a 14.00 horas, aínda que tamén se habilitará un servizo madrugadores entre as 8.00 e as 9.00 horas para facilitar a organización das familias.

O programa incluirá unha ampla variedade de propostas pensadas para fomentar a participación, a creatividade e a socialización da cativada durante as vacacións. Entre as actividades previstas figuran obradoiros, xogos cooperativos, xincanas, saídas, dinámicas interxeracionais e diferentes iniciativas lúdicas e educativas adaptadas ás distintas idades.

Desde o Concello destacan que o obxectivo é ofrecer un espazo seguro e dinámico no que os máis pequenos poidan desfrutar do tempo libre facendo amizades, compartindo experiencias e participando en actividades que favorezan o traballo en equipo e a convivencia.

A administración local tamén subliña a importancia deste tipo de programas como ferramenta de apoio ás familias durante o período non lectivo, ao tempo que se promove un verán activo e participativo para a infancia do municipio.

As bases da convocatoria e os formularios necesarios para solicitar praza xa están dispoñibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Lourenzá.

0.11987400054932