Lourenzá abre o prazo para participar na oitava edición do seu Certame de Teatro Afeccionado

O Concello de Lourenzá prepara a oitava edición do Certame de Teatro Afeccionado, unha cita que volverá levar as artes escénicas ao edificio multiusos Ponte de Cuñas durante as fins de semana do mes de novembro. A convocatoria busca fomentar a participación dos grupos non profesionais e manter a vinculación do municipio co teatro.
Poderán optar ao certame exclusivamente compañías e grupos de teatro afeccionado, que deberán superar previamente un proceso de selección. As bases admiten obras de calquera xénero e establecen o uso preferente da lingua galega, en calquera das súas variantes dialectais.
As agrupacións interesadas terán como data límite o 30 de setembro de 2026 para presentar a súa candidatura, unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o extracto das bases. A documentación poderá entregarse nas oficinas municipais ou remitirse por correo ao Concello.
Entre os requisitos figura a presentación da ficha de inscrición dispoñible na web municipal, unha copia do CIF da compañía, a ficha artística e técnica e unha gravación dunha representación da obra coa que se concorre ao certame.
ATA OITO REPRESENTACIÓNS. As funcións desenvolveranse os sábados e domingos de novembro no edificio multiusos Ponte de Cuñas. Inicialmente establécese un máximo de oito representacións, aínda que a organización poderá modificar esta cifra en función da calidade das propostas recibidas.
Cada grupo seleccionado percibirá 350 euros para sufragar conceptos como a participación, o desprazamento ou a montaxe. As representacións serán ademais gravadas para facilitar a súa valoración polo xurado.
A clausura chegará en decembro cunha gala na que se coñecerán os gañadores e que incluirá unha actuación teatral ou musical profesional. Para cada categoría, o xurado seleccionará previamente tres nominados.
PREMIOS. O principal galardón será o Premio Conde Santo á mellor representación, dotado con 750 euros e trofeo. Tamén se concederán os premios Lourenzo ao mellor actor e Ana á mellor actriz, ademais de recoñecementos ao mellor actor e actriz de reparto, á mellor posta en escena e o premio especial do público.
A valoración correrá a cargo dun xurado independente nomeado polo Concello e presidido polo edil de Cultura ou pola persoa na que delegue. As bases contemplan igualmente a posibilidade de incorporar algún premio adicional se o xurado e a organización o consideran oportuno.