López Couto acusa ao PP de usar as facturas como arma política para prexudicar ao Concello

Foz
AMariñaXa
Inés López acusa á oposición de bloquear a xestión municipal con argumentos “demagóxicos e interesados”
ines-lopez-couto-FOZ-concelleira-cultura
22 Apr 2025

O goberno municipal de Foz levará ao pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 811.000 euros para facer fronte a facturas que quedaron sen tramitar no exercicio pasado por falta de persoal técnico. A concelleira de Facenda e voceira do executivo, Inés López Couto, explicou que esta situación responde a unha paralización administrativa derivada da ausencia prolongada dun interventor, figura esencial no proceso de validación de gastos.

"Non se trata de que o Concello non quixera pagar, senón de que non podía facelo porque faltaban as firmas necesarias, especialmente a do interventor", aclarou a edil, que subliñou que a maquinaria administrativa require múltiples validacións para cada factura. "Sen esa peza clave, a tramitación quedou bloqueada", engadiu.

Segundo indicou, a chegada dun novo interventor interino permitiu desbloquear a situación e acelerar tanto a liquidación do orzamento de 2024 como a tramitación do recoñecemento extraxudicial, co obxectivo de que os provedores poidan cobrar canto antes. “Agora queda o paso obrigatorio do pleno, non por cuestións técnicas senón pola normativa que obriga a aprobar estas facturas fóra de prazo ao tratarse dun exercicio xa pechado”, puntualizou.

López Couto criticou con dureza a postura do líder da oposición, Javier Castiñeira, a quen acusou de “empregar a desinformación como ferramenta política” e de poñer en risco o pago aos provedores por motivos partidistas. "Se o señor Castiñeira quere votar en contra, está no seu dereito, pero iso significaría que se nega a que se pague por traballos que xa foron realizados", advertiu. “Iso non é altura de miras, é poñer paus nas rodas por poñer”.

A concelleira puxo en valor o esforzo que está a realizar o persoal municipal, especialmente o do departamento de Intervención, e tamén doutras áreas que están colaborando para poñer ao día os expedientes. “Estamos traballando a contrarreloxo para corrixir a situación herdada, e agradecemos o compromiso de todos os traballadores”, dixo.

Sobre as críticas do Partido Popular, López Couto lamentou que “utilicen os informes técnicos como arma política, sen sequera lelos enteiros e seleccionando só as frases que lles interesan”. A edil insistiu en que “non hai problemas de tesourería, senón un atraso derivado da falta dun técnico que xa foi resolta”.

Ademais, salientou que o executivo local actúa con responsabilidade orzamentaria: “Non imos gastar máis do que se ingresa, como fixo el no seu momento. Para iso están as transferencias de crédito, e veremos se tamén as votan en contra para seguir na súa estratexia do non por sistema”.

A modo de conclusión, López Couto asegurou que o obxectivo do equipo de goberno é “resolver os problemas, non agochalos”. E afirmou: “Estamos traballando para que Foz funcione. Se a oposición prefire frear en vez de avanzar, que sexan os veciños quen xulguen esa actitude”.

⚙ Configurar cookies
0.17476606369019