Lieiro prepárase para catro días de celebración nas Festas de Santa Isabel

A parroquia de Santa Isabel de Lieiro ultima os preparativos para vivir unha nova edición das súas festas patronais, unha das celebracións máis concorridas do verán no municipio de Cervo. O programa desenvolverase entre o venres 3 e o luns 6 de xullo e combinará música, tradición, gastronomía e actos relixiosos para todos os públicos.
A programación foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, xunto cos concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández e membros da Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, entidade organizadora coa colaboración do Concello.
As celebracións comezarán o venres coa tradicional Festa da Xuventude, que contará coa participación de DJ Alejandro Martínez, Marcos Peón e Conxuro Discomóbil.
O sábado arrancará coa misa solemne na capela do Guioncho, seguida da sesión vermú amenizada polo Grupo Da Silva. Pola noite, a verbena estará protagonizada polas orquestras Gran Parada e Cayenna.
O domingo celebrarase a misa solemne na igrexa parroquial, acompañada pola Coral Terra Mar e a tradicional procesión. A sesión vermú correrá a cargo da Orquestra Principal, que tamén actuará na verbena xunto a El Combo Dominicano.
A programación concluirá o luns coa actuación do grupo folclórico Mistura de Lieiro, a tradicional sardiñada e unha última verbena amenizada por Tania Veiras e a orquestra Galilea.
Desde o Concello animan á veciñanza e aos visitantes a participar nunha celebración que cada ano reúne centos de persoas arredor da música e da convivencia. A alcaldesa destacou o labor da Comisión de Festas, agradeceu a colaboración de todas as persoas implicadas e subliñou que Santa Isabel é un exemplo do dinamismo e da capacidade organizativa das parroquias cervenses.