Lieiro conta xa cun sistema máis sostible para o funcionamento da súa piscina municipal

AMariñaXa
A substitución do antigo sistema eléctrico por unha caldeira de biomasa permitirá reducir consumo, emisións e garantir auga quente todo o ano
CERVO-PELLETS-PISCINA-LIERIRO-2026
29 Jan 2026

O Concello de Cervo puxo en valor o investimento de 60.000 euros realizado pola Xunta de Galicia para mellorar a eficiencia enerxética da piscina municipal de Lieiro, unha actuación financiada a través do Fondo de Cooperación Local dirixido a concellos de menos de 15.000 habitantes. A intervención permitiu modernizar unhas instalacións moi utilizadas pola veciñanza e avanzar cara a un modelo máis sostible.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, recibiu nas instalacións deportivas municipais á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, nunha visita na que ambas puideron comprobar o funcionamento da nova caldeira de biomasa, alimentada con pellets, destinada á produción de auga quente sanitaria. Este novo sistema substitúe o anterior, baseado en resistencias eléctricas, cun elevado consumo enerxético.

Segundo destacaron desde o Concello, o cambio supón unha redución notable do gasto eléctrico, unha mellora significativa da eficiencia enerxética e unha diminución das emisións de CO₂, ao tempo que garante unha subministración estable de auga quente durante todo o ano, algo esencial para o correcto funcionamento da piscina municipal.

Durante a visita, a rexedora cervense subliñou “a importancia do apoio da Xunta de Galicia para modernizar as infraestruturas municipais” e sinalou que este tipo de investimentos “teñen un impacto directo na calidade dos servizos públicos e no benestar da cidadanía”. García Caramés insistiu en que actuacións coma esta permiten aos concellos pequenos afrontar melloras que, doutro xeito, serían difíciles de asumir.

Desde o Concello de Cervo lembran que esta actuación se integra dentro dunha estratexia máis ampla de sustentabilidade e eficiencia enerxética, e que vén complementar outras melloras levadas a cabo recentemente nas instalacións deportivas municipais. O goberno local reafirma así o seu compromiso de seguir apostando por equipamentos máis modernos, eficientes e respectuosos co medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.077207088470459