Licitan varias obras nos campos de fútbol da Marosa

TerraChaXa | AMariñaXa
15 Jan 2021

O Concello de Burela sacou a licitación as obras de reconstrución e reparación da grada do campo de fútbol da Marosa, que suporá un investimento de 260.000 euros e a segunda fase do peche do campo de herba artificial, á que se destinarán 56.000 euros. As empresas dispoñen ata o 2 de febreiro para presentar as súas ofertas. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, e o alcalde, Alfredo Llano, destacaron a aposta realizada polo equipo de goberno coa mellora das instalacións deportivas.

O edil Fernández Rey explicou que “dende o Concello de Burela queremos anunciar que na plataforma de contratacións do Estado, saíron a licitación dúas obras que estábamos esperando con moita impaciencia poder publicalas. Despois de todos os trámites administrativos correspondentes saíron publicadas xa. Unha delas é a obra de reconstrución e reparación da grada do campo de fútbol da Marosa, que ten un prezo de licitación de 260.563´24 euros. Era moi necesaria posto que a grada do campo de fútbol presenta un estado de deterioro moi importante debido ás condicións meteorolóxicas que temos na Marosa. Era unha obra que estábamos esperando con moita impaciencia e, por fin, xa podemos empezar a fase de presentación de ofertas, que remata o 2 de febreiro. Todas as empresas interesadas teñen ata ese día para presentar as súas ofertas. Faise cun procedemento aberto simplificado e esperamos que ao longo deste ano, máis cara a marzo ou abril, poidamos empezar esa obra posto que as condicións meteorolóxicas supoño que serán mellores para facer ese tipo de traballos”.

O concelleiro de Deportes seguiu a relatar que “outra das obras que sae publicada, na plataforma de contratacións do Estado, é a reposición do peche do campo de herba artificial na súa segunda fase, xa que a primeira xa estaba adxudicada. Esta segunda fase ten un presuposto de 56.312,19 euros. Imos cambiar o peche perimetral correspondente a esta segunda fase, os banquillos que están bastante deteriorados e ademais se vai ampliar a zona de acceso a vestiarios e baños, xa que tíñamos unha serie de dificultades alí para que a xente puidera pasar aos aseos, sobre todo as persoas con problemas de minusvalías. O prazo para a presentación de ofertas é tamén ata o 2 de febreiro”.

Ramiro Fernández subliñou que “a obra de reposición da grada está financiada integramente polo Concello, e a reposición do cerre, a primeira fase tamén a financiou o Concello, e esta segunda farase cunha axuda que nos dá a Deputación Provincial de Lugo á que queremos agradecer a súa colaboración. Agora esperamos que cheguen as ofertas das empresas e que poidamos gozar destas novas melloras no campo de fútbol da Marosa á mellor brevidade posible”.

O edil burelés engadiu: “estas son obras que xa tíñamos pensado facer. Fíxose unha pequena guerra política co tema destas obras pero, como eu digo, o movemento demostrase andando e aquí están os cartos e as obras que se van facer na Marosa, ao mellor non coa rapidez que nos gustaría pero os trámites administrativos ralentizaron un pouquiño todo este proceso. Pero insisto en que os cartos están encima da mesa e as obras vanse facer durante este ano”.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “é un obxectivo deste equipo de goberno no Concello de Burela establecer aquelas melloras en todos os aspectos posibles, entre eles para a práctica deportiva no que estamos traballando constantemente desde que iniciamos esta lexislatura, para mellorar, dentro das nosas posibilidades, o entorno do deporte base e así favorecer que os rapaces poidan facer algún tipo de deporte, nas diferentes modalidades que hai. Evidentemente para practicar un bo deporte necesitamos unhas boas instalacións. É certo que xa se levan facendo moitas melloras con respecto ás instalacións, pero hai outras que, derivado do tempo que levan xa funcionando, como por exemplo o campo de fútbol de herba artificial e sobre todo o de herba natural da Marosa, hai que ter en conta que se inaugurou no ano 1966, e de que están moi cerca do mar, existe a posibilidade grande de que se oxiden algúns elementos. Un deles é a grada principal do campo de herba natural, que está moi deteriorada, polo tanto imos facer unha modificación total desa grada, poñendo ademais uns bos vestiarios e almacéns. Imos tentar facelo o antes posible e queremos que se remate este ano, a ver se é posible debido á pandemia. Imos facer unha grada grande que estea de acordo cun campo de categoría e poder ver o fútbol coas mellores garantías, ademais empregando os mellores materiais e pensando no futuro para que dure bastante tempo. Por outra banda, estes últimos días o vento levantou parte da cuberta da outra grada que é máis pequena, polo tanto tamén hai que reparala. Estamos discutindo agora facer un proxecto que vaia acorde coas necesidades que se van poñer nese campo”.

O rexedor sinalou que “tamén imos actuar no perímetro do campo de herba artificial, que estaba constituído por un valado metálico, que tamén está oxidado co que hai que renovalo completamente. Sacamos a licitación a segunda fase para poder perimetrar o antes posible ese campo”.

Llano pensa que “se están a facer as cousas ben. Estamos procurando que Burela teña unhas instalacións de categoría e acorde co que se pretende, que é potenciar o deporte en todos os ámbitos, tanto no base como no profesional e no amateur, todo aquilo que dea lugar á práctica deportiva porque cremos que aí é onde están os fundamentos de moitos dos valores que debemos practicar na vida. Polo tanto aí estamos dando o mellor que podemos, dentro das nosas posibilidades. Xa fixemos varias modificacións nesas dúas instalacións e tamén no pavillón imos, en pouco tempo, mellorar a iluminación. Hai un proxecto xa rematado, que a ver cando se pode levar para adiante, para facer unha mellor instalación deportiva para a práctica do fútbol sala profesional, pero tamén para outros deportes e espectáculos”.

O alcalde de Burela, considera que “o Concello de Burela está tratando de facer o mellor maneira posible a mellora substancial das instalacións que nos sirvan para a práctica deportiva con todos os medios e todos os servizos. É certo que había uns compromisos e que se van facer. Pensamos que dentro das presas que se poden dar para formular os proxectos, creo que estamos dando toda a celeridade posible e esperamos que durante este ano deixemos as instalacións perfectamente rematadas”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.11229801177979