Licitadas as obras de renovación da cuberta do pavillón municipal de Barreiros
O Concello de Barreiros vén de iniciar o procedemento de licitación das obras para renovar a cuberta do pavillón municipal, cuxo importe ascende a máis de 139.000 euros. As ofertas poderán presentarse por medio da plataforma de contratos ata o 18 de abril.
A alcaldesa explicou que se tratan dunhas obras financiadas integramente pola área de Deportes da Deputación, dirixida por Efrén Castro, tras a sinatura dun convenio entre ambas administracións que permite afrontar esta importante obra para unha instalación que dá servizo a gran parte da poboación, especialmente mocidade e crianzas.
Ademais destas obras, o goberno municipal prevé a substitución das luminarias, para o que teñen solicitada unha axuda de mellora da eficiencia enerxética á Xunta de Galicia, por un importe de máis de 54.000 euros.
A alcaldesa, Ana Ermida, agarda que nesta ocasión Barreiros poida ser beneficiario desta axuda correspondente ao Fondo adicional de Cooperación Local, para poder realizar as obras necesarias nunha soa vez e deste xeito deixar esta instalación deportiva, moi utilizada para distintos usos, renovada para os vindeiros anos. A rexedora fai estas manifestacións tras non poder contar con axuda da Xunta para a renovación da cuberta, para a que finalmente foi a área de deportes da Deputación quen facilitou os fondos.
O concelleiro de Dinamización, dentro da que se inclúen as actividades deportivas, Dani García; amosa a súa satisfacción por ser quen de xestionar esta cantidade de fondos para instalacións deportivas nun concello de pouco máis de 3000 habitantes, que nos permitirá contar cunhas instalacións renovadas e dignas para a celebración de actividades e eventos deportivos en Barreiros.
García lembra que este investimento se suma á renovación da pista de pádel, tamén coa axuda económica da área de deportes da Deputación, que ascende a 55.660€ e á dotación de equipamento das pistas exteriores, ao abeiro dun convenio coa área de Mocidade da Deputación, cun importe de 13.607, 51 euros. “Polo tanto, só en investimentos deportivos de certa entidade, deixando á marxe os realizados para as escolas deportivas municipais ou para os distintos eventos realizados directamente ou nos que se colabora, o Concello de Barreiros xestionou máis de 208.000 euros.”
Tanto a alcaldesa como o concelleiro manifestaron a intención do goberno municipal de seguir traballando para conseguir fondos cos que melloras as infraestruturas deportivas municipais e, nese sentido, avanzaron que contan cun proxecto para a adecuación da zona do ximnasio municipal e a nova dotación de servizos que será presentado ante a Xunta de Galicia nunha convocatoria de axudas que anunciaron que será convocada nos vindeiros días.