Licitadas as obras de humanización da praza de Santa María, no Valadouro, por máis de 191.000 euros

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia vén de licitar as obras de humanización da praza de Santa María, en Ferreira, no concello do Valadouro, cun orzamento de 191.399 euros. A intervención ten como obxectivo mellorar a accesibilidade, ordenar os espazos e facer máis amable un dos puntos centrais da localidade.
Segundo recolle a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, o prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de xaneiro de 2026, mentres que o tempo estimado de execución das obras será de oito meses desde o inicio dos traballos.
A actuación centrarase nunha superficie de 1.141 metros cadrados da praza, concretamente na súa fachada leste. Entre as melloras previstas inclúense intervencións no pavimento para diferenciar claramente a zona destinada ao tráfico rodado da de uso peonil, así como a eliminación de desniveis co fin de facilitar a mobilidade a pé. O proxecto contempla tamén a creación de beirarrúas que melloren a seguridade e a accesibilidade do espazo.
Os traballos completaranse coa instalación de novas liñas de iluminación pública e coa colocación de mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e xardineiras circulares. Estes elementos serán móbiles, permitindo a súa retirada ou recolocación no caso de que a praza acolla mercados ou eventos. Ademais, procederase á substitución da varanda existente e á limpeza do cruceiro.
O investimento total da actuación ascenderá a 220.000 euros e executarase ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello do Valadouro dentro do Plan Hurbe. En virtude deste acordo, o Goberno galego asumirá o 70 % do custo da intervención, mentres que o 30 % restante será achegado pola administración local. O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026.
A través do Plan Hurbe, a Xunta de Galicia colabora cos concellos no financiamento de actuacións urbanísticas, melloras da accesibilidade, supresión de barreiras arquitectónicas e dotación de equipamentos públicos, co obxectivo de revitalizar os núcleos urbanos e rurais e contribuír a un maior equilibrio territorial. Estas iniciativas buscan tamén reforzar o papel dos núcleos rurais como espazos de servizos e dinamización social e económica.