Licitadas as novas fases da ampliación do Hospital da Mariña cun investimento de máis de 33,5 millóns de euros

AMariñaXa
As obras permitirán aumentar a superficie do centro un 50 % e modernizar áreas clave como urxencias, quirófanos ou hospitalización
hospital-costa-burela
Actualizada el 19 marzo 2026, 05:53 horas
17 Mar 2026

A Xunta de Galicia deu un novo paso no proceso de modernización do Hospital Público da Mariña coa publicación da licitación das fases 2 e 3 das obras de reforma e ampliación do centro sanitario, unha actuación á que se destinan máis de 33,5 millóns de euros.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de abril, nun procedemento que permitirá avanzar na execución dun plan que busca transformar de maneira significativa este hospital comarcal. A previsión é que os traballos comecen ao longo deste mesmo ano, unha vez se complete o proceso de adxudicación.

Estas novas fases suporán a ampliación do complexo hospitalario en preto de 3.000 metros cadrados adicionais. Sumados á primeira fase, xa rematada cun investimento de 12,5 millóns de euros, o centro de Burela acadará un incremento global da súa superficie de arredor do 50 % respecto ás dimensións iniciais. Ademais, levarase a cabo a reforma de amplas zonas existentes, o que permitirá actualizar espazos e mellorar a funcionalidade do edificio.

O proxecto inclúe a construción dun novo inmoble de dúas plantas. Na planta baixa situaranse áreas destinadas ao mantemento e á Unidade de Prevención de Riscos Laborais, mentres que na primeira planta se habilitarán espazos para formación e un salón de actos, reforzando así o carácter docente do hospital.

As actuacións tamén abranguen importantes cambios na distribución interna do centro. Na planta baixa crearase unha nova área de laboratorios e renovaranse servizos como Anatomía Patolóxica e o hospital de día polivalente, ademais de melloras nas consultas especializadas e en zonas comúns como a cafetería, os almacéns ou os vestiarios.

No primeiro andar levarase a cabo a ampliación e modernización de áreas fundamentais como Admisión, Urxencias e Diagnóstico por Imaxe, xunto coa mellora das consultas e dos espazos destinados a coidados paliativos, medicina preventiva e hospitalización a domicilio.

Pola súa banda, a segunda planta experimentará unha renovación dos quirófanos de Cirurxía Maior Ambulatoria, das unidades de recuperación postanestésica e dos servizos de Pediatría e Coidados Intensivos. As intervencións completaranse nas plantas superiores, onde se reformarán dependencias destinadas ao persoal sanitario e ás áreas técnicas do hospital, incluíndo a actualización das instalacións e dos sistemas de elevación.

O prazo de execución previsto para estas fases é de 36 meses desde o inicio das obras. Unha vez finalizado o conxunto do plan director, xunto coas actuacións de eficiencia enerxética e a incorporación de novo equipamento, o investimento total no hospital acadará os 50 millóns de euros.

Estas melloras permitirán que o Hospital da Mariña pase dos 17.600 metros cadrados iniciais a superar os 26.000, ao tempo que se renovarán máis de 13.000 metros cadrados xa existentes. Con esta actuación, o Goberno galego reforza a súa aposta pola modernización das infraestruturas sanitarias e pola mellora da calidade asistencial na comarca.

0.11929607391357