Licitada por 320.000 euros a lavandería e a cociña do Hospital Asilo de Ribadeo

AMariñaXa
O Concello inicia a contratación das obras e do equipamento destas instalacións, mentres continúa a reclamación xudicial contra a anterior empresa adxudicataria tras a rescisión do contrato
hospital-asilo-ribadeo
15 Jul 2026

O Concello de Ribadeo deu un novo paso no proceso de mellora do Hospital Asilo coa publicación da licitación correspondente ás obras e ao equipamento da lavandería e da cociña do centro. O contrato, cun importe de 320.000 euros, está financiado na súa totalidade pola Xunta de Galicia e permanecerá aberto á presentación de ofertas ata o 13 de agosto.

O alcalde, Dani Vega, explicou que este procedemento permitirá avanzar na execución dun proxecto que quedou paralizado tras os problemas coa anterior empresa adxudicataria. “Licitamos a lavandería e cociña da residencia Hospital Asilo tanto en equipamento como en obra. Son 320.000 euros, orzamento íntegro por parte da Xunta de Galicia. Volvemos reiterar o noso agradecemento á Consellería de Política Social por axudarnos e así xa damos comezo á licitación para, en breve, poñernos en marcha coas obras”.

Segundo indicou o rexedor, esta nova fase supón retomar a tramitación administrativa para que as empresas interesadas poidan optar á execución dos traballos. “É unha moi boa noticia poder xa traballar no Hospital Asilo, empezar a licitar e así toda a tramitación burocrática para que ata o 13 de agosto todas as empresas que queiran presentar as ofertas tanto na lavandería, cociña, equipamento, como na mellora de remate das obras dos espazos. É unha boa noticia, despois de todo o que vivimos e sufrimos”.

Durante a súa comparecencia, Vega lembrou que a paralización do proxecto produciuse despois de que a empresa Naray presentase concurso de acredores, unha situación que tamén afectou a outros municipios lucenses como A Pontenova, Guitiriz e Riotorto.

O alcalde sinalou que o Concello optou por rescindir o contrato e iniciar unha reclamación pola vía xudicial para recuperar o prexuízo económico derivado do incumprimento. “A empresa Naray, todos somos coñecedores, presentou concurso de acredores e non sómente repercutiu no Concello de Ribadeo, senón tamén no da Pontenova, no de Guitiriz e no de Riotorto. Unha decisión que nos caeu moi dura. Tivemos que tomar decisións francamente duras e rescindimos o contrato. Agora vamos recorrer á vía xurídica para reclamar todo ese diñeiro, máis de 300.000 euros, porque incumpriu o contrato e nós temos que velar polos intereses das contas municipais, velar polos intereses do noso Concello”.

O rexedor explicou que a decisión de rescindir a contratación contou cos correspondentes informes dos servizos municipais e foi ratificada polo Pleno. “Tomáronse as decisións desde un punto de vista xurídico, en secretaría, técnico-económico, intervención e tamén técnico, é dicir os arquitectos municipais. Rescindiuse o contrato en pleno, aprobouse por maioría e actuamos coa máxima responsabilidade”.

Dani Vega lembrou que o Concello xa vivira unha situación semellante no pasado coa construción do actual pavillón municipal, cando outra empresa tamén entrou en concurso de acredores, e destacou que agora se está actuando para defender os intereses municipais.

Nesta fase, a licitación céntrase na lavandería, na cociña e nas instalacións asociadas, mentres o Concello busca os recursos necesarios para executar a parte da obra que quedou pendente, aproximadamente un 13 % do proxecto inicial, tendo en conta o incremento do custo dos materiais.

“A primeira parte é lavandería, cociña e instalacións e agora vamos xestionar orzamento para rematar ese 13 %, que é o que quedou sen facer, e dado que hai un incremento no prezo do custe dos materiais e das obras, temos que buscar o orzamento necesario para rematar ese 13 %. Todo volve comezar, estamos nesta fase administrativa de ata o 13 de agosto pódense presentar as empresas, licitar para xa facer despois as obras tanto das instalacións da lavandería e cociña como do equipamento”.

O alcalde concluíu destacando o respaldo económico da Xunta para sacar adiante esta actuación. “É unha moi boa noticia eses 320.000 euros que nos apoia a Xunta de Galicia e así vamos seguir traballando coa máxima responsabilidade e defendendo sempre os intereses do Concello”.

0.13113403320312