Levan ao Parlamento o apagado da iluminación da variante e do acceso ao polígono ribadense

AMariñaXa
Balseiro criticou a falta de coherencia nas respostas do Executivo central: “esperemos que non nos contesten dicindo que para acender as luces ten que haber previamente sinistralidade"
led-lampada-rua
12 Apr 2026

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, veñen de rexistrar unha iniciativa no Senado para esixir explicacións ao Goberno central polo apagado da iluminación na variante e no acceso ao polígono industrial de Ribadeo.

A iniciativa xorde a petición do alcalde ribadense e do equipo de goberno municipal, ante a preocupación polos problemas de seguridade que xera a falta de iluminación nestas infraestruturas clave.

O senador José Manuel Balseiro explicou que “vimos de rexistrar unha iniciativa no Senado de España preguntando cal é o motivo de que as luces tanto da variante como do acceso ao polígono de Ribadeo se encontren apagadas, porque pensamos que cando as puxeron non foi para telas apagadas”.

Neste sentido, Balseiro criticou a falta de coherencia nas respostas do Executivo central: “esperemos que non nos contesten como xa fixeron noutra ocasión, nesa ocasión sobre infraestruturas no Concello de Barreiros, dicindo que para acender as luces ten que haber previamente sinistralidade. Entendemos xusto o contrario: as luces están para previr a sinistralidade, non para actuar despois de que se produza”.

O senador popular agarda que, unha vez recibida a resposta do Goberno, “o normal será que, se as luces están instaladas, se poñan a funcionar como corresponde”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, agradeceu a implicación dos senadores populares e reclamou unha solución inmediata: “pedímoslle ao Goberno central que actúe dunha vez por todas na iluminación do acceso ao polígono e tamén da variante. Estamos a falar dun problema de seguridade”.

O rexedor lembrou que esta demanda xa foi trasladada en varias ocasión sen obter resposta: “xa se solicitou ata en catro ocasións e, de momento, non hai ningunha contestación, polo que agora recorremos ao Senado para obter explicacións”.

Ademais, Vega incidiu noutras reivindicacións pendentes en materia de infraestruturas, como a necesidade dun segundo acceso á A-8 en Ribadeo e a conexión coa rede viairia provincial: “son accesos moi importantes que se levan reivindicando historicamente e xa non podemos agardar máis”.

Finalmente, o alcalde subliñou que o Concello continuará esixindo ao Estado que cumpra cos compromisos adquiridos: “cando se fan as cousas ben tamén o dicimos, pero imos seguir reivindicando de forma constante para que o Estado cumpra dunha vez por todas con Ribadeo”.

0.11987590789795