Leti da Taberna levará a Ribadeo o seu humor sobre o Camiño de Santiago con 'Enredadas no Camiño'

AMariñaXa
A humorista percorrerá previamente as rúas da vila para recoller historias de peregrinos e veciñanza que formarán parte dunha peza audiovisual que se proxectará ao final do espectáculo
Leti-Da-Taberna_Ribadeo_Redes_Enredadas
3 Sep 2026

O humor e a retranca de Leti da Taberna chegarán a Ribadeo o vindeiro 13 de setembro con 'Enredadas no Camiño', unha nova proposta coa que a creadora galega percorre diferentes localidades vinculadas ás rutas xacobeas. A actuación será ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval e terá entrada gratuíta.

O espectáculo parte do seu monólogo 'Enredada', pero incorpora novos contidos para achegarse á realidade do Camiño de Santiago e das persoas que viven, traballan ou peregrinan ao seu carón. A proposta combina humor, experiencias locais e pezas audiovisuais creadas expresamente para cada unha das paradas da xira.

Antes de subir ao escenario, Leti da Taberna percorrerá as rúas de Ribadeo para conversar con peregrinos, veciños e persoas vinculadas ao Camiño. O obxectivo será descubrir anécdotas e pequenas historias relacionadas tanto coa experiencia xacobea como coa vida cotiá da vila.

Ribadeo terá a súa propia peza audiovisual

O material recollido durante esta visita non quedará fóra do espectáculo. A humorista elaborará unha peza audiovisual específica sobre Ribadeo que se proxectará ao remate do monólogo, incorporando á actuación persoas, lugares e vivencias atopadas durante a súa estancia no municipio.

'Enredadas no Camiño' xoga con cuestións como a dificultade para desconectar nunha sociedade que vive permanentemente acelerada ou o contraste entre determinados hábitos da vida moderna e os ritmos e particularidades do rural galego. Todo iso será abordado desde o humor e a retranca característicos da creadora.

Ribadeo será unha das dez localidades incluídas nesta nova xira, que percorrerá Galicia ata o 23 de outubro. A iniciativa forma parte das accións relacionadas co Camiño de Santiago e conta co apoio do programa O teu Xacobeo.

Leti da Taberna acumula máis de 136.000 seguidores entre Instagram, TikTok e Facebook e xa levou aos escenarios os espectáculos 'Enredada' e 'Jastac Japi Jolidais'. Ademais da súa actividade nas redes sociais, participou en programas como 'Malicia Noticias' e 'O Novo Rei da Comedia', da TVG, e colabora habitualmente en 'Galicia por Diante', da Radio Galega. Nos seus monólogos en galego mestura humor, crítica social, feminismo e unha particular visión da realidade do rural.

0.16871285438538