'Las Sinsombrero' de Paco Damas chega a Lourenzá

AMariñaXa
O 30 de novembro para conmemorar o día contra a violencia de xénero nun concerto con nenos e nenas da vila
CARTEL-CONCERTO-DE-PACO-DAMAS-EN-LOURENZÁ-(30-11-24)
27 Nov 2024

O Concello de Lourenzá conmemora este sábado, día 30 de novembro, o día contra violencia de xénero cun concerto pola igualdade titulado 'Las Sinsombrero', do cantautor Paco Damas, que estará acompañado de nove nenos e nenas de Lourenzá que lerán poemas das poetas da xeración do 27. Será no Multiusos Ponte de Cuñas ás 19.00 horas.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que “con este concerto pretendemos dar visibilidade á muller na cultura e na educación e sobre todo defender a igualdade e a non violencia de xénero. 'Las Sinsombrero' é un proxecto do compositor granadino Paco Damas, producido e arranxado por Ludovico Vagnone e Pepe Dougan. A actuación resume ese espírito de compromiso coa igualdade, a visibilidade da muller e a loita contra esa lacra da nosa sociedade que é a violencia de xénero. Este concerto forma parte dunha serie de actuacións que o artista Paco Damas levou na súa xira por distintos lugares de España neste mes de novembro, entre eles Pintos (Madrid), Benacazón (Sevilla) e Valladolid. É unha sorte poder contar en Lourenzá cun gran artista deste calado como é Paco Damas e sobre todo cun proxecto tan importante, que defende a liberdade e a dignidade das mulleres nun mundo sen violencia”.

A rexedora municipal tamén anuncia que “ó longo de toda esta semana a pancarta 'En negro contra as violencias' permanece pendurada do balcón do Concello e a fachada do edificio consistorial está iluminada de lila en repulsa de calquera tipo de violencia machista”.

 

 

 

0.16262912750244