Lanzan unha nova campaña para incentivar o consumo no comercio local

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación lanza xunto á Federación Galega de Comercio unha nova campaña para incentivar o consumo no comercio local
presentacion campana comercio deputacion
10 Nov 2022

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, presentou este mércores na Sala de Xuntas da Deputación de Lugo unha nova campaña de apoio e promoción do comercio de proximidade, a Gala de Outono do Comercio da Provincia de Lugo.

Pablo Rivera destacou que esta medida súmase ás que veñen poñendo en marcha conxuntamente a institución provincial e a Federación de Comercio “dende hai moito tempo, para incentivar o consumo nun sector cun peso determinante na nosa provincia, en termos económicos e de emprego, pero tamén como dinamizador da vida social”.

Esta colaboración “permanente”, explicou, é froito do compromiso firme” da Deputación para sacar adiante “proxectos que dinamicen a economía e o emprego da man do tecido asociativo vinculado aos sectores produtivos máis importantes da nosa provincia”. “Cremos que así, mediante o diálogo e a cooperación, é como as políticas públicas son máis eficaces e responden mellor ás necesidades plantexadas”, recalcou o deputado.

Premios ao comercio local

A campaña consiste nun recoñecemento “ao bo facer dos nosos empresarios e empresarias do comercio. Un premio por todo o traballo e o esforzo que levan facendo para afrontar a crise da Covid, para reinventarse, para mellorar a competitividade, para aplicar boas prácticas e para adaptar e modernizar os seus negocios”, explicou Pablo Rivera.

Dende mañá mesmo, 9 de novembro, ata o vindeiro día 15, calquera comercio minorista da provincia pode presentar a súa candidatura e optar a estas distincións, que están dotadas con 1.000€ cada unha e que se entregarán na Gala de Outono do Comercio da Provincia de Lugo, que terá lugar o 15 de decembro. As categorías nas que se poden inscribir os empresarias e empresarios son: Mellor Traxectoria Individual; Continuidade Empresarial; Dixitalización; Comercio Sostible; e Comercio de Barrio.

Sorteo de bonos de 50€ entre os consumidores

Para animar á participación, e amplificar a promoción e visibilidade do comercio local, detallou o deputado de Promoción Económica e Social, esta campaña implicará directamente aos consumidores, que serán os que elixirán aos finalistas do concurso a través unha votación popular vía on line. Entre as persoas que participen nesta fase, que será do 18 ao 30 de novembro, sortearanse un total de 200 bonos de 50 euros cada un, é dicir, un total de 10.000€.

Tanto as inscricións dos comercios, como as votacións do xurado popular deberán facerse a través da páxina web www.premioscomerciolugo.gal.

Será o 2 de decembro cando un xurado experto, integrado por representantes da Federación de Comercio e da Deputación, fallará os premios en cada categoría e elixirá ao gañador entre os finalistas previamente seleccionados polo xurado popular. Tamén nesta xornada se celebrará o sorteo para repartir os 200 bonos entre as persoas que participen na votación.

O colofón será a Gala de Outono do Comercio de Lugo o 15 de decembro no Salón de Actos da Deputación de Lugo. Rivera Capón rematou animando “aos comercios e aos veciños e veciñas da provincia a sumarse e a participar nesta campaña, que oxalá teña un retorno económico moi importante para o sector comercial como, por certo, sempre teñen as iniciativas deste tipo que promovemos conxuntamente a Deputación e a Federación de Comercio, xa que o diálogo e a colaboración cos sectores produtivos é a mellor fórmula para acertar nas políticas públicas”.

0.18070697784424