Landrove celebra a X Festa Labrega e as IX Olimpíadas Rurais con dous días de tradición e diversión

Landrove, en Viveiro, prepárase para celebrar esta fin de semana a X Festa Labrega e as IX Olimpíadas Rurais, unha cita que reunirá durante o venres 9 e o sábado 10 de outubro música, gastronomía, tradición e actividades para todos os públicos. A programación desenvolverase no atrio de Landrove, cunha gran carpa instalada no campo da festa.
As actividades comezarán o venres 9 de outubro ás 21.00 horas coa prendida da Chama Olímpica, que dará paso á actuación de "Amigos do Folk". A partir das 21.30 horas haberá boliños preñados gratuítos para os asistentes.
A programación continuará o sábado 10 de outubro. Ás 13.00 horas terá lugar unha sesión vermú amenizada polo "Dúo Boreal", acompañada dun pincho labrego de tortilla. A ración terá un prezo de 3 euros para os socios e de 5 euros para os non socios.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas, dará comezo a IX edición das Olimpíadas Rurais, unha das actividades centrais da celebración e que permitirá recuperar diferentes xogos e propostas vinculadas coa tradición e coa vida no rural.
Ás 20.30 horas chegará a actuación do grupo "Espera que vou mexar", antes da celebración, ás 21.00 horas, da tradicional Cea Labrega. A participación terá un prezo de 15 euros para os socios e de 19 euros para os non socios. O menú incluirá cuncha labrega de caldo, cocido, café, pan e sobremesa.
A xornada rematará a partir das 23.00 horas cunha festa amenizada polo "Dúo Boreal". Durante a noite tamén se fará a entrega de premios aos grupos participantes nas Olimpíadas Rurais e ao mellor traxe labrego.
A organización convida a veciñanza e visitantes a participar nesta celebración, que chega á súa décima edición coa intención de manter vivas as tradicións e ofrecer unha fin de semana de convivencia e diversión en Landrove.