Komando Xoviético: "Por petición da xente animámonos a organizar a Marcha Xoviética”
Lucía Blanco
Xove celebrará o vindeiro 20 de outubro a sétima edición da consolidada Marcha Xoviética, unha ruta ciclista impulsada polo club Komando Xoviético. “Nós non esperamos un número concreto de ciclistas. Poñemos un máximo de 250, porque o que facemos queremos que saia ben e entendemos que moita máis xente escapa xa ao noso control. De 200 adoitamos pasar”, explica César, presidente do colectivo. Este ano serán uns 37 quilómetros e un desnivel acumulado duns 1200 metros.
“Sempre facemos entre uns 30 e uns 40 quilómetros, dependendo en cada convocatoria do nivel fixamos máis ou menos distancia”. A participación flutúa cada ano “un pouco, porque tamén nos pillou a pandemia e iso afectou moito”, pero adoitan reunir deportistas de toda a comunidade e tamén de fóra de Galicia. “De Xove vimos maioritariamente os que somos do club. Aínda que ese día tampouco podemos participar coma quen di, porque temos que organizar todo. Entón a maioría é de fóra, de concellos e de provincias limítrofes e mesmo doutras comunidades como o País Vasco e Andalucía”.
E, pouco a pouco, vai rompendo barreiras e consigue dinamizar a vida na vila esa fin de semana. “O municipio xa é bastante coñecido pero cada vez vén máis xente de fóra, mesmo ten participado algún estranxeiro porque tamén poden estar de paso por aquí e aproveitan”. A hora de saída está programada para as 9.30 e os interesados poden facer a súa inscrición a través do formulario na web da Federación de Ciclismo Galego ata o 16 de outubro. O prezo son 20 euros para os non federados e 10 para os que si o son e o importe inclúe unha camiseta e un bote de mel. Poderán participar as categorías Sub 23, Máster 60, 450, 40 e 30, tanto masculinas como femininas, así como Júnior, Cadete e Élite.
Relevo xeracional
Unha das novidades é que dende a organización apostan por inspirarse na serie máis famosa de zombies de todos os tempos. Deste xeito, ambientarán esta nova convocatoria no drama apocalíptica de The Walking Dead, pero mantendo a mesma filosofía coa que botou a andar: fomentar un día de puro BTT para facer desfrutar a todos os participantes. “A idea naceu porque queríamos facer unha proba de BTT aquí no municipio. Eu estivera organizando a Ruta da Merluza de Burela, entón por petición da xente animámonos”, lembra César.
A falta de semanas de compartir unha xornada con todos os afeccionados, ultiman os detalles para que un ano máis o encontro deixe moi bo sabor de boca. “Xa temos todo máis ou menos preparado e encamiñado, o que máis leva é o tema do papeleo porque cada vez complícase máis o tema burocrático”. Planificar e manter no calendario unha actividade destas características non resulta sinxelo para o colectivo, composto duns 40 membros e que busca tamén o relevo xeracional.
“É algo que vai lento, temos xente nova, pero que queiran continuar o legado non tanto. O club conleva organizar, fomentar actividades, crear propostas, traballos de limpeza do monte, planificar rutas... Hai moito traballo detrás que non se ve. De momento seguimos a mesma directiva que empezamos e temos ganas de ir cambiando, así que a ver se van animando”, afirma. Porque o que si que confirman é que se trata dunha práctica que gaña adeptos. “Cada vez hai mais afección por todo tipo de ciclismo. Agora esta en auxe tanto en estrada, como en montaña como en pumptrack. De feito, agora tamén puxeron un circuíto pumptrack aquí en Xove que, aínda que o montaron agora, era unha petición do club de fai moitos anos”.