Juan Canoura do Club de Remo Celeiro: “Gústanos dicir que somos unha familia máis que un club”

AMariñaXa
O grupo ribadense Kornucopia ten os seus inicios durante o 2021 e son Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas
club de remo celeiro 2
3 Mar 2024

Por Ana Somoza López.

Juan Canoura Calzado é o presidente do Club de Remo Celeiro.

Cando e como nace o Club Remo Celeiro?

Celeiro foi e é un pobo que sempre estivo en contacto permanente có mar. E, neste sentido, o remo sempre formou parte da historia da súa xente: primeiro na loita pola supervivencia e na actualidade como deporte. Ao longo da historia de Celeiro, o remo sempre tivo un protagonismo propio debido ás condicións deste deporte e ós seus vínculos ancestrais coa pesca nas súas diversas modalidades, así como pola propia condición do remo como instrumento motriz para os desprazamentos das pequenas embarcacións que, xunto coa vela (antes de aparecer os motores), eran a única forma de movelas.

Despois de localizar o banco de peixe, largar as redes, meter as capturas e a arte a bordo da embarcación, comezaba a regata cara a praia de Lavandeiras, o non existir ningún peirao, facéndose as faenas de carga e descarga có traiñón varado na área. Desta maneira, os que chegasen primeiros tiñas mellor venta na poxa. Destes duelos comezaron as primeiras competicións oficiais. Nesta época xurden os denominados bateis, embarcacións de menor dimensión que as traíñas tamén dedicadas á pesca, sobre todo de anzol, nas proximidades da costa a onde non podían chegar os traiñóns. Tiñan unhas dimensións duns 7m de eslora, 1,60m de manga e 0,40m de puntal. Eran tripulados por tres ou catro homes ó mando dun patrón. Deste xeito, o remo forma parte do noso pasado, presente e futuro. Primeiramente como traballo e logo gardando unha tradición na nosa historia como deporte.

Con que motivación xorde?

Xa nos anos corenta, tense constancia de que Celeiro participaba en regatas de bateis, como a que se celebrou en Ribadeo en setembro de 1949, que aínda ostenta o récord de máis tripulacións en liña de saída á vez, un total de dez.

“Os nosos obxectivos son fomentar o compañeirismo entre os remeiros, tamén estamos a facer promoción de remo feminino en categorías inferiores nos colexios do Concello”

Foi unha regata interprovincial entre Lugo e Asturias, na que Celeiro acadaba a terceira praza detrás de Abres e Ribadeo e por diante de Castropol, Avilés, Foz, Viveiro, Figueiras, Ribadeo “B” e Tapia. O mesmo ano, Celeiro regateou en Viveiro onde acadaron o primeiro posto.

Dende estas datas e ata o ano 1970, participábase de forma esporádica en competicións, e aínda que non se participara en regatas, si se adestraba, manténdose así a tradicional regata de botes. Nese mesmo ano, fundábase O Club de Remo Santa Ana sendo o señor José Sanjuán (Ché de Sanjuán) o seu máximo impulsor e alma máter, levando as rendas do club ata o ano 1984 e participando en moitas probas de Galicia e Asturias.

Que se atopa na directiva?

Estamos, eu de presidente, José Manuel Prieto Sierra, de vicepresidente; Mari Carmen Franco Díaz, secretaria; vicesecretaria, Lucía Esquerdeiro Cabarcos; Óscar Canoura González, tesoureiro; e José Manuel Trasancos e Iván Teijeiro Bouza como vogais.

Que obxectivos ten?

Os nosos obxectivos son fomentar o compañeirismo entre os remeiros, tamén estamos a facer promoción de remo feminino en categorías inferiores nos colexios do Concello así como nas categorías superiores con distintos tipos de publicidade (folletos para repartir, publicidade estática no campo de fútbol do Viveiro, cuñas na radio e nos periódicos, charlas en centros sociais…).

Como foron os seguintes anos?

Os anos 1999 e 2000, foron anos de transición xa que a participación foi cada vez máis complicado debido ó abanico de posibilidades que teñen os rapaces noutros deportes. Despois dun tempo poñendo o Club o día e traballando en melloras nos bateis, facendo publicidade para espallar o amor polo remo, e adestrado moi duro empezaron a chegar os resultados deste traballo. No ano 2021, acadamos varias vitorias ó participar no Campionato Galego de Remo e pola participación dos nosos remeiros no Campionato de Remoergómetro de España celebrado en Navia. Conseguíronse dous ouros, una prata e dous bronces. Comezamos así unha nova etapa con mais ganas, xa que o noso é o único Club de Remo de banco fixo da Provincia de Lugo. Deste xeito, tentaremos levar o nome da nosa provincia  polas costas  do Cantábrico e de toda Galicia cos bateis e coa nosa traiñeira.

Que é o que máis lle gusta deste deporte?

É un deporte de grupo, polo que se os remeiros queren chegar a meta con medalla teñen que xuntarse como un gran equipo. É un deporte que ten moita historia marítima, sobre todo na nosa zona mariñeira. Unha das cousas máis importantes é que hai moito animo, é todos (categorías inferiores e superiores) forman un equipo. Gústanos dicir que somos unha familia máis que un club.

Cantos pequenos teñen agora mesmo formando parte do club?

Temos arredor a 27 remeiros e remeiras máis 25 veteranos.

Cantas categorías teñen?

Contamos, a día de hoxe, cunha traíña mixta de 13 remeiro maiores de 30 anos, un alevín feminino de 9 a 12 anos, un cadete masculino de 15 a 16 anos, dous infantís masculinos de 12 a 14 anos, un sénior masculino de 19 a 30 anos, e dous veteranos mixtos de maiores de 30 anos.

Actualmente en que competicións están participando?

Estamos a participar na Liga Galega de Bateis e na Liga Galega de Veteranos de Traiñeiras (comezamos nesta liga no ano 2022).

Que obxectivos teñen para a vindeira tempada?

Neste ano 2024, comezamos a tempada de traiñeiras en xaneiro asistindo a regata contra reloxo Memorial Miguel Fernández Lores Sempre Lagar no Grove. Nos meses de xaneiro e febreiro organízanse estas regatas de quecementos pero a liga comeza en abril e remata en xuño. Nesta liga o club de remo realizará a coñecida regata de traiñeiras na Praia de Covas (este ano farase en xuño, pendente de confirmar a data). Para o próximo ano 2024 comezaremos a tempada da liga de bateis en febreiro, asistindo a regatas de quecementos e finalizará a tempada en maio co Campionato de bateis de Galicia. O Club de Remo Celeiro organizará unha regata seguramente en febreiro no peirao de Celeiro.

Teñen algunha necesidade como club actualmente?

Estamos estudando a posibilidade de comprar unha nova embarcación (unha traiñeira) que nos urxe moito debido a que a actual que temos no club ten mais de 25 anos e non podemos competir con ela. O custo desta son uns 15.000 euros, polo cal necesitamos moito financiamento

Que lle piden ao Goberno local?

Temos que admitir que, polo menos, dende que entrou esta nova directiva no 2019 o Concello de Viveiro sempre nos intentou axudar de todas as posibles opcións, é certo, que na actualidade o Goberno local ten varios problemas económicos e estamos pendentes de cobrar a subvención do ano 2023. Tras varias reunións coa alcaldesa e co concelleiro de Deportes xa nos tranquilizamos e comunicáronnos que están intentado de todas as maneiras posibles obter os cartos para poder pagar as asociacións de clubs deportivos.

0.16640400886536