José Ribagorda percorre o comercio de Ribadeo e A Pontenova para promocionar A Mariña

AMariñaXa
A campaña "De compras pola Mariña" difundirá vídeos nas redes sociais e na plataforma "De las cosas del comer" para dar visibilidade aos negocios e ao patrimonio da comarca
José-Ribagorda-percorre-o-comercio-de-Ribadeo-e-A-Pontenova
19 Oct 2026

Os establecementos comerciais de Ribadeo e A Pontenova protagonizaron parte da visita á Mariña lucense do escritor e xornalista José Ribagorda, que rematou estes días a súa viaxe pola comarca no marco da campaña "De compras pola Mariña", impulsada pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM).

En Ribadeo, Ribagorda percorreu as principais rúas comerciais acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén; o xerente de Acisa, Jesús Pérez; e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, mantivo tamén un encontro con Gabriel Alén e co presidente da Asociación de Comerciantes local, José Luis Balseiro.

A iniciativa busca promover o comercio de proximidade e dar a coñecer a oferta dos negocios da comarca a través de contidos audiovisuais que se difundirán nas redes sociais e na plataforma "De las cosas del comer", vinculada ao xornalista.

Durante a súa estancia, Ribagorda visitou tamén Foz, Lourenzá, Viveiro e Burela, ademais de Ribadeo e A Pontenova. O percorrido permitiulle achegarse tanto aos establecementos locais como aos recursos naturais e culturais da Mariña, que tamén terán presenza nos vídeos da campaña.

"De compras pola Mariña" é unha iniciativa da Federación de Comercio A Mariña que conta co financiamento de Comercio Galego e da Xunta de Galicia.

0.13306403160095