José Manuel Balseiro asume a portavocía de Traballo do PP no Senado

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa
Balseiro afrontará esta nova etapa coa intención de manter o contacto cos axentes sociais e coa realidade do tecido produtivo
Jose-Manuel-Balseiro-pp
12 Sep 2026

O senador lucense José Manuel Balseiro Orol foi designado novo portavoz de Traballo do Grupo Parlamentario Popular no Senado, unha responsabilidade coa que asumirá a representación do principal grupo da Cámara Alta nunha área directamente vinculada ao emprego, as relacións laborais, a negociación colectiva e as políticas dirixidas a empresas, autónomos e traballadores.

Balseiro afrontará esta nova etapa coa intención de manter o contacto cos axentes sociais e coa realidade do tecido produtivo. Para o senador popular, o novo cargo supón "unha honra, pero sobre todo unha enorme responsabilidade", que asegura que exercerá "desde o diálogo cos axentes sociais, o contacto coa realidade dos traballadores e das empresas e a defensa de políticas que favorezan a creación de emprego e a competitividade".

A súa designación tamén supón que un senador da provincia de Lugo asuma a nivel nacional unha das principais áreas de traballo parlamentario do Grupo Popular no Senado. Balseiro destacou que esta responsabilidade lle permitirá trasladar ao debate da Cámara Alta as particularidades dun territorio cun importante peso dos sectores industrial, agroalimentario e pesqueiro, ademais dun tecido empresarial formado maioritariamente por pemes e autónomos.

Neste sentido, o senador sinalou que Lugo conta tamén con necesidades específicas relacionadas co medio rural e co reto demográfico. A súa intención, explicou, é defender políticas laborais que "creen oportunidades, dean seguridade aos traballadores, faciliten a actividade de autónomos e empresas e permitan que territorios como Lugo poidan competir en igualdade de condicións".

A nova responsabilidade dá continuidade, ademais, á experiencia de Balseiro no ámbito do emprego. Durante a pasada lexislatura do Parlamento de Galicia exerceu como portavoz de Emprego do Grupo Parlamentario Popular, función que compatibilizou coa portavocía de Infraestruturas. Agora trasladará esa experiencia ao Senado nunha materia na que xa desenvolveu parte da súa actividade parlamentaria.

Natural do Valadouro e residente en San Cibrao, no municipio de Cervo, José Manuel Balseiro é tamén concelleiro e exerceu como tenente de alcalde desde 1999 ata 2016, ano no que foi designado delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, cargo que ocupou ata 2020.

A súa traxectoria institucional está ligada ao Parlamento de Galicia, onde foi deputado durante varias lexislaturas desde 2005. Ao longo desa etapa exerceu, entre outras funcións, como secretario da Mesa do Parlamento e portavoz de Pesca, Montes, Infraestruturas e Emprego do Grupo Popular.

Na actualidade, como senador pola provincia de Lugo, desenvolve tamén diferentes responsabilidades na Cámara Alta. É vicepresidente primeiro da Comisión de Investigación sobre os contratos e operacións vinculadas á trama Koldo e ao denominado caso Ábalos, ademais de formar parte das comisións de Transportes e Mobilidade Sostible, Facenda, Pesca e Traballo e Economía Social. Tamén é membro da Comisión de Investigación sobre as deficiencias e presuntas irregularidades na xestión da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Balseiro asegurou que asumirá a nova portavocía cunha perspectiva nacional, pero sen deixar de ter presente a realidade da provincia de Lugo. "É unha responsabilidade nacional que asumirei pensando no conxunto de España, pero tamén coa satisfacción de que Lugo teña voz directa nunha área tan importante dentro do Grupo Popular no Senado", concluíu.

0.14212799072266