José Luís López Barreiro: "Cada iniciativa de Agromuralla ofrece ferramentas e reforza a comunidade”

Agromuralla naceu dunha situación límite. Corría o ano 2015 cando o sector lácteo atravesaba unha das súas etapas máis duras. O prezo do leite apenas chegaba aos 28 céntimos, unha cifra que non cubría nin de lonxe uns custos de produción que superaban os 40 céntimos. Era unha ecuación imposible, unha realidade que afogaba ás explotacións e que empurrou aos gandeiros a tomar as rúas de Lugo. As primeiras mobilizacións deron a volta á Muralla, convocadas polos sindicatos, pero estes, dependentes das subvencións públicas, decidiron dar por rematadas as protestas antes de que se atopase unha solución. Foi nese momento cando un grupo de gandeiros, encabezados por Roberto, decidiu non parar ata que a Administración escoitase. “Aquel foi un momento histórico, porque nunca se fixera algo así, e estivemos dous meses coa Muralla rodeada de tractores”, lembra o presidente de Agromuralla, que considera aquel episodio como a chispa fundacional da asociación.
O movemento nacía xa cunha idea moi clara: defender os intereses dos gandeiros sen ataduras políticas nin dependencias institucionais. “Os sindicatos levantan a voz cando precisan fondos, pero cando lles chegan as axudas, calan. Nós non funcionamos así”, explica José Luis Pérez Barreiro, que reivindica o carácter apolítico e independente dunha organización sustentada coas cotas dos seus socios. Esa liberdade, di, é a que lles permite manter unha postura firme e constante fronte ás administracións.
A realidade do sector cambiou desde aquela. O prezo do leite ascendeu ata os 52 céntimos, practicamente o dobre que hai unha década, unha mellora que, con todo, non elimina certas desigualdades que continúan marcando o día a día das explotacións. Nos últimos contratos asinados, a distancia entre o que perciben as granxas máis grandes e as de menor tamaño chegou a superar os 9 céntimos, unha fenda que a asociación leva anos denunciando. “Non só reclamamos prezos xustos; tratamos de defender calquera cuestión que afecte ao sector”, insiste o presidente de Agromuralla, que pon o foco tamén no impacto das novas normativas europeas, deseñadas desde despachos afastados da realidade rural. “Levámoslles tempo dicindo que moitas das medidas que aproban non teñen sentido cando se aplican sobre o terreo”, matiza Pérez Barreiro.
O LABOR DE AGROMURALLA
A actividade da entidade ampliouse durante os últimos catro anos, consolidándose como un referente organizativo e formativo. Dende as súas primeiras etapas impulsaron viaxes a Holanda ou Navarra para coñecer outras formas de traballar e o funcionamento doutras asociacións. Tamén promoveron xornadas sobre cuestións de actualidade, como a enfermidade hemorráxica epizoótica ou os cambios na PAC durante o proceso de reforma. Cada iniciativa, apunta o presidente, “busca ofrecer ferramentas útiles aos profesionais do sector e reforzar unha comunidade que aprende e evoluciona de maneira colectiva”.
Agromuralla tamén está presente nos momentos máis difíciles, especialmente en situacións de emerxencia, como os incendios que devastaron zonas de Cervantes e Ourense. A organización coordinou envíos de forraxe e puxo á disposición dos afectados un número de conta para recadar fondos. “Hai que agradecer aos camioneiros o esforzo, porque moitos fixeron rutas sen cobrar nada”, destaca Pérez Barreiro.
O presidente de Agromuralla explica que a área de actuación da asociación abarca toda a provincia de Lugo, así como partes de Ourense e A Coruña. “Temos algo máis de 400 socios do sector primario e estamos incluso a valorar incluír ao sector do viño, porque canto máis grande es, máis poder de negociación tes fronte á Administración”, sinala. Ademais, a presenza de Agromuralla no Observatorio Lácteo constitúe, segundo Pérez Barreiro, un “importante logro” para garantir que a voz dos gandeiros sexa escoitada.
A situación actual do sector é complexa, mais José Luis Pérez Barreiro mostra unha visión optimista. “Aínda que as políticas que se están a aplicar ultimamente non son as máis adecuadas, eu vexo futuro no sector porque é algo que me gusta”, explica. Pero lembra a situación que afrontan os produtores galegos: “Está moi ben coidar o medio ambiente, pero terceiros países introducen produtos no noso mercado sen as mesmas garantías sanitarias que nos esixen desde a Agenda 2030, co cal competimos en total desvantaxe. O que se importa de fóra destrúese aquí, porque moitos agricultores pechan as súas explotacións ao non poder cumprir normativas que son case imposibles, sobre todo en equipos sanitarios ou benestar animal”.
Ademais, Pérez Barreiro subliña outro problema estrutural: o envellecemento do sector e a dificultade do relevo xeracional. “Non podes asumir que un fillo vai continuar o teu traballo, porque pode non lle gustar, como pasa en todos os sectores, pero aquí, cando pechas unha explotación gandeira, non abre outra, porque non hai beneficio e require moita inversión, é un risco grande. Ademais, tes animais, hai que muxir todos os días, e atopar man de obra tamén é complicado. A xente tamén ten unha mentalidade que fai difícil atopar persoal. Non é un traballo que te esgote, pero tes que ser organizado e tratar ben á xente”.
Respecto ás necesidades do sector, Agromuralla mantén unha posición firme sobre as subvencións. “Preferimos non depender delas. Entendo as axudas en casos extraordinarios, pero se se manteñen no tempo o único que se consegue é desvirtuar o sector. Quero que os nosos produtos teñan un prezo totalmente xusto, de acordo cos custos de produción.”, afirma o presidente de Agromuralla. Ademais, critica a falta de representación das asociacións nos órganos de decisión: “En Galicia o Consello Agrario leva uns vinte anos sen elección, cos tres sindicatos que deciden un pouco as cousas. Nós temos o 10 % dos socios das 5.000 granxas de leite galegas e non temos representación”.
Mirando ao futuro, a asociación mantén a ambición de seguir medrando e fortalecéndose. “Queremos continuar porque cando estás nun proxecto e ves que pouco a pouco vas gañando camiño, sentes que estás na liña correcta. No último ano aumentamos o número de socios e agora o reto é entrar nos foros de debate da Administración onde se decide o noso futuro, para expoñer as cousas dende o punto de vista do produtor, non desde un despacho”, conclúe José Luis Pérez Barreiro.