José Carlos Paleo, ACIA Foz: “Os eventos en toda a comarca sempre teñen tirón comercial”

Foz
AMariñaXa
Falamos con José Carlos Paleo é o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos, ACIA CCA Foz
Jose Carlos Paleo acia foz presidente
6 Xul 2023

Por Ana Somoza López.

José Carlos Paleo é o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos.

Acia Foz CCA cumpre 35 anos.

Si, son 35 anos con moita historia, con moitas vendas e con moitos eventos. Nestes 35 anos de traballo podemos dicir que non todas as tarefas e as épocas foron sinxelas pero si moi agradecidas. Nós levamos desde o 2010 presidíndoa malia que se creou en 1988.

Como se consegue manter durante tanto tempo?

Pois basicamente baséanse na continuidade e na colaboración de todos os grupos tanto deportivos como culturais, e de todos os eventos que se fan no concello así como e fundamental a axuda do Concello e a Xunta de Galicia.

Preparan algún acto polo aniversario?

Polo momento non estudamos facer ningún evento especial, pois non queremos solapar coa gran cantidade de actividades culturais e turísticas coas que conta o municipio nesta época. Nós estamos máis enfocados a darlle pulo ao comercio durante os meses máis baixos.

Seguen sendo os mesmos principios e obxectivos que fai 35 anos?

Si, o primordial é a de impulsar a actividade empresarial, especialmente a dedicada ao pequeno comercio, e que sexa atractivo para os posibles compradores.

Como era ao principio?

Na primeira etapa fíxose moita forza na promoción turística de Foz tanto na zona do Bierzo como en Asturias e había tamén moita presenza nas feiras de mostras. Tamén se editaron guías turísticas e libros onde se amosaba toda a oferta local como o patrimonio cultural e turístico.

Pero os tempos avanzaron e vostedes con eles.

Por suposto. Os tempos van evolucionando e onde antes había que ir aos sitios a informarse sobre produtos e ofertas, hoxe é tan sinxelo como facer un click desde o móbil ou o ordenador e ese traballo axilizou moito a maneira de mercar. Pero hai que dicir que a parte presencial segue a ser fundamental e moi importante, e non se pode perder.

Entón teñen presencia nas redes e internet?

Si, contamos coa web e redes sociais pois son reclamos ou mostras dos espazos das tendas e locais comerciais focegos e dos seus produtos. Ademais dende ACIA Foz CCA ofrecemos a tarxeta de fidelización do comercio que serve para acumular puntos e descontos nas futuras compras. Hai que adaptase aos tempos que corren, e nos tentamos promocionar os produtos de cada un dos nosos membros da mellor maneira posible.

Que campañas hai de cara ao verán?

Teremos o noso tradicional Comercio na Rúa que será os días 20, 21 e 22 de xullo. E polo momento non temos formalizadas máis. O que facemos durante todo o ano é crear un círculo comercial que repercuta constantemente no pobo. Tamén, o 13 de xullo, contaremos coa de Mercar no teu comercio ten premio, na que se repartirán 1.000 euros en tarxetas prepago de 50 e de 300 euros para seguir mercando no comercio da vila. Todos os clientes que realicen compras entre o 6 e o 13 de xullo, poden participar no sorteo en directo que será o 13 ás 19.00 horas.

Esta época é moi boa para o comercio focego?

Claro. Durante o verán o turismo móvese moito polo que temos visitantes na vila todos os días. Xa non so polas nosas propias festas, senón polo turismo que move toda a comarca. Os eventos sempre teñen tirón comercial e moitas veces úsase a vila de base e logo móvense a visitar outro municipio e viceversa.

Foz e toda a Mariña xa son un punto de referencia no turismo estatal nesta época.

Si, porque a xente non só busca o sol, senón que ademais do clima haxa boa gastronomía, eventos, cultura, etc. A xente adoita afastarse dos 40º grados do Mediterráneo e aquí atopa bo tempo e boa comida. Na Mariña temos moitas cousas que merecen a pena e que veña xente e merque, benefícianos a todos.

Ten vantaxes mercar nesta vila mariñeira?

Por suposto que si. Como dicía antes contamos coa tarxeta de fidelización e informamos das ofertas e produtos nas tendas.

CCAFOZ_2023_35ANIVersario
cartel_foz_V5
Comercio na rua Foz 2023
0.22329497337341