Jorge Galante, Iadovi: “Para que isto perdure fai falla xente nova que se implique”

AMariñaXa
Falamos con Jorge Galante é o presidente do Club de Tiro con Arco Iadovi que conta con varios éxitos no seu club
iadovi toda directiva
11 Xuño 2023

Por Ana Somoza López.

Como e porque naceu o club?

O Club de Tiro con Arco Iadovi, nace en agosto 2013 en San Cibrao. Nun principio foi creado por ex seteiros do Club Castelarco de Alfoz e hoxe en día con sede en Ferreira.

Por que ese nome?

Toma e seu nome dous habitantes celtas que vivían entre ou río Masma e o Landro (extraído do Libro: Os pobos celtas do Noroeste da Península Ibérica; Manuel Alberro), co obxectivo de ser un club que represente a unha zona da Mariña e non a unha soa localidade.

Quen se atopa na directiva?

Actualmente a directiva esta formada pola súa presidenta Ana María Briones e Jorge Galante Pérez exercendo de tesoureiro, son os socios fundacionais que quedan. Despois como secretario incorporaríase ao club en decembro do 2013 Jose Manuel García Cordido coñecido como, O Campaneiro, veciño de Burela, e tamén ex seteiro do Castelarco. En abril do 2015 uniríase como vogais José Antonio Rico Pernas, Pacheco, tamén de Burela, e en outubro deste mesmo ano Sergio López Delantero, Chechu, tamén veciño de Burela, que exerce como vocal.

Como afrontan esta tempada?

Como todas, con moita ilusión, adestrando e competindo naqueles trofeos e campionatos que poidamos asistir, tanto a nivel autonómico, nacional e gracias a Santiago González Villares, Sargadelos, en eventos internacionais. Aínda que o ano da pandemia fíxose notar, xa que custou volver a rutina de competicións, pero pouco a pouco vámonos incorporando as competicións.

Con cantos membros contan ?

A día de hoxe temos un total de 16 seteiros, tres son mulleres (2 na categoría veteranas e outra sénior), un rapaz na categoría infantil, 8 seteiros na categoría masculina veterana e 4 na masculina sénior. A actividade ten neste momento a sección de arco recurvo (olímpico), composto a poleas, arco espido e arco tradicional.

Cales son os requisitos?

Non temos idade de inicio establecida, pero recomendamos a partir dos 7 anos pola cuestión da atención dos nenos que se esgotan rapidamente. Normalmente a xente se achega a nos cando nos ven adestrar no campo de fútbol de Cangas de Foz para preguntar, xa que o tiro con arco segue sendo un deporte descoñecido, pouco habitual de ver. E hai quen pide probar a tirar unhas frechas, se temos nese momento o equipamento de iniciación (arcos menos potentes) xa os poñemos a funcionar e senón quedamos con eles para outra ocasión. Polo que vimos a maioría da xente gústalle a actividade, e desfruta tirando frechas. Todos os que probaron e quixeron seguir con nos, teñen que pagar a cota de entrada no club, a cota anual establecida, licencia federativa e una pequena cantidade para o monitor que o vai adestrar ata que se poida desenvolver pola sua conta.

Como son os adestramentos?

Non hai días fixos de adestramento xa que todos temos os nosos traballos o que fai difícil fixar unha data. Pero sempre estamos dispostos a ensinar e formar novos seteiros. E se alguén esta interesado, con chamarnos e suficiente, facemos o posible por atendelo.

Cal é o palmarés do club?

Dentro das nosas filas temos campións, e subcampións autonómicos en tiro con arco recurvo, nas distintas categorías, os meus fillos Gabriel e Ángel competiron por Castelarco nas categorías inferiores e despois en Iadovi (agora por estudos deixaron de adestrar). Na categoría sénior e veterano tamén temos títulos tanto masculino como en feminino. A nivel nacional na actualidade destaca a participación de Santiago González Villares na división de arco espido, que conseguiu en varias ocasións proclamarse campión de España e subcampión dependendo da modalidade do torneo no que participase (tiro de campo, 3D, o tiro tipo precisión).

Contan con instalacións?

Neste momento adestramos en varios sitios, xa que como comentei antes traballamos a quendas, e vivimos en distintos concellos, hai xente de Viveiro, Xove, San Cibrao, Burela e Foz, e dependendo destas circunstancias adestran tanto en San Cibrao no pavillón municipal, no colexio do Galdín ou no campo de fútbol de A Senra de Cervo (dependendo dos horarios de que dispoñan os seteiros e os que estean libres nas instalacións). Todo elo gracias a colaboración do Concello de Cervo, aos directivos do colexio publico N1 de San Cibrao e a Asociación de Montes de A Senra. Por outra banda adestramos tamén no campo de fútbol de Cangas de Foz, e no colexio Fondo Nois, gracias a colaboración da Asociación Deportiva Os Castros e á dirección de colexio Fondo Nois.

En canto a instalacións para competir, bótase de menos instalacións propias como teñen en Madrid a Federación Nacional ou a Federación Madrileña de tiro con arco (Centro de Alto Rendemento). Pois a nosa Federación non conta con instalacións propias polo que as competicións se celebran nas que teñan os clubs que as organicen. No noso caso sería difícil xa que habería que cadrar datas. Non e a primeira vez que se anula una competición de arco en Galicia debido a coincidencia de eventos no mesmo sitio, ou si se celebra, en instalacións que non reúnen as condicións establecidas pola propia Federación galega, pero que de outro xeito tiña que haberse anulado.

Entón a necesidade é a dunha instalación propia.

Si. Necesitamos instalacións propias para adestrar. Isto sería o ideal para poder reunir a todos os nosos seteiros nun só centro. Na concellería de deportes do concello de Cervo son conscientes desta necesidade e segundo nos consta teñen un proxecto de ampliación das instalacións deportivas en San Cibrao no que parece que nos inclúen, e teremos un espazo para nos, pero e un proxecto que vai levar o seu tempo.

Teñen proxectos de cara ao futuro?

Gustaríanos poder crear o noso trofeo e que deportistas tanto da nosa comunidade como do resto do estado acudiran a el.

Como veremos ao club dentro dalgúns anos?

Non o sei, non temos relevo xeracional, os que estamos temos de media os 50 anos. Para que isto perdure fai falla xente nova que queira implicarse neste deporte.

Que é o que máis lles gusta deste deporte?

A superación persoal pois so compites contra ti mesmo. Estas adestrando e íllaste dos problemas, e asi comezas a cometer erros e a frecha non perdoa, en vez de o dez fas un nulo. É gratificante cando despois de adestrar días, semanas ou meses logras impactar no centro da diana. Ten algo que engancha, e queres repetir pero cometes un pequeno erro e xa non e o dez e un nove e non vale, volves repetir, e repetir, e repetir ata que consegues outra vez o dez. É así sempre, intentando conseguir a perfección no tiro, perseguindo esas sensacións de que antes que saia a frecha do arco sabes que vai ser un bo resultado, incluso antes de que impacte na diana, ten algo de hipnótico.

Algún consello para aqueles que queiran comezar no mundo do arco?

Paciencia e perseveranza. Un seteiro formase ao longo do tempo, tras moitas horas de adestramento tanto físico como mental. Os que empezan dinme que teñen boa puntería por isto e aquilo, e que cren que poden ser bos, ao que eu lles respondo que non e cuestión de puntería senón de sensacións. Estas sensacións en tiro con arco e como che queda o corpo unha vez que terminas de colocarte ben na posición de tiro e logras no momento exacto transmitir o empuxe e o xiro escapular antes de soltar a frecha e todo iso sen variar a postura. De aí que un dos campións olímpicos fose case cego. As sensacións corporais do coreano foron mellores que o resto de arqueiros nesa competición.

0.15360283851624