Javier Losada insta á Xunta a convocar a mesa sectorial galega para a busca de solucións para Alcoa

AMariñaXa
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, instou á Xunta a convocar a mesa sectorial galega para sumarse ó traballo de busca de solucións para as empresas que teñen grandes consumos eléctricos e, en concreto, para Alcoa.
22 Mar 2019

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, instou á Xunta a convocar a mesa sectorial galega para sumarse ó traballo de busca de solucións para as empresas que teñen grandes consumos eléctricos e, en concreto, para Alcoa. Entende que o Goberno galego debe imitar ó do Principado de Asturias, que xa traballa co sector para mellorar a situación de incerteza actual, que pretende atallar o Estatuto de Consumidores Electrointensivos, cando se aprobe de maneira definitiva.

"Volvo a mandar unha mensaxe de tranquilidade. É necesario seguir traballando con tranquilidade e serenidade. Todos xuntos polo mesmo obxectivo, que non é outro que aportar unha solución para Alcoa e outras empresas en situación de incerteza e ó mesmo tempo dotarnos dunha ferramenta que evite que isto volva a ocorrer e ofrezca garantías de futuro", detallou en resposta a unha pregunta dos xornalistas.

O Goberno comprende e comparte "a preocupación dos traballadores e das súas familias", pero recorda que está ao seu lado e cumpre o seu "compromiso", que continuará ó longo dos próximos meses. En concreto, citou a presentación do Estatuto de Consumidores Electrointensivos como un fito importante, pois ademáis de aportar certeza, recolle unha serie de medidas con "máis axudas ó sector" das vistas ata este momento e contén "os compromisos adquiridos na mesa de negociación".

"É un estatuto que está a información pública para recoller propostas que melloren o documento, e estamos dispostos a elo sempre detro das posibilidades que establece a Unión Europea", recalcou Javier Losada.

Mostrouse sorprendido con que a Xunta diga que o estatuto é malo e que é insuficiente, cando o Goberno anterior foi incapaz de dar este paso. En concreto, preguntouse se a Xunta pensa que o estatuto é insuficiente, qué pensaba nos anos anteriores cando non o había. Considerou que se o Executivo autonómico houbese dito antes o que comenta agora, non se tería chegado á situación actual.

O delegado do Goberno asegura que é hora de que a Xunta cambie a súa actitude actual. "Imos olvidarnos de que nos sete anos do anterior Goberno non se fixo nada para garantizar o futuro do sector, imos a olvidar que a Xunta estivo calada durante estes sete anos, imos a olvidar que a situación na que nos encontramos é consecuencia da inacción deste tempo. E agora imos ver se son capaces na Xunta de poñerse a traballar co Goberno e co sector como está a facer o Principado de Asturias", subliñou.

"O que non pode facer a Xunta é pedir cuestións que sabe que non se poden recoller no estatuto", subliñou en referencia a propostas como a rebaixa das peaxes eléctricas, que debe ser debatida no Congreso dos Deputados.

"E creo que o que ten que facer a Xunta dunha vez é deixar de falar e poñerse a traballar. O que debe facer é convocar a mesa sectorial galega, como xa fixo fai semanas o Goberno de Asturias para traballar na solución. É nesa mesa que aínda non convocou a Xunta onde a Xunta debe falar e expoñer todo o que está dicindo. Ese é o seu compromiso e esa é a labor que debe desenvolver a Xunta, con sinceridade e responsabilidade", rematou.

Javier Losada incidiu en que o Goberno mantén o seu actual compromiso co sector industrial e continuará co seu traballo actual para lograr un marco estable que sirva para manter a actividade e o emprego.

ALCALDE DE CERVO

Pola súa banda, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosou a súa preocupación ante as informacións difundidas sobre Alcoa, “xa que nesta ocasión, tralo anuncio do peche das factorías de A Coruña e Avilés, o escenario preséntase completamente diferente”.

O rexedor precisou que está nas mans do Goberno central “facilitar e garantir a viabilidade da empresa e salvagardar os milleiros de postos de traballo, directos e indirectos, que poden estar en xogo na Mariña; e, lamentablemente, os pasos que se están a dar non parecen que vaian nese camiño”, en alusión ás medidas propostas para compensar ás grandes industrias sobre os gastos eléctricos.

Villares instou ao executivo central a aplicar a mesma vara de medir que emprega en cada Consello de Ministros, aprobando, venres tras venres, decretos sociais sustentados en inxentes cantidades de diñeiro público, a conta de todos os españois “é a súa responsabilidade empregarse a fondo agora para buscar solucións que protexan o emprego na nosa zona; entre todos e todas temos que convencer ao Goberno central para que aplique medidas que defendan o traballo de centos de veciños e veciñas”, sentenciou.

COMITÉ DE EMRPESA
O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao fixo hai unhas semanas un comunicado aos traballadores sobre o preacordo acadado coa dirección da multinacional, no que garanten que os traballadores con contratos temporais convertanse en indefinidos e tamén que aceptan as recolocacións que propón a empresa de empregados das outras dúas plantas, para as cales a empresa presentou un Ere coa intención de cesar a actividade.
Dito preacordo que garante que os 41 contratos actuais temporais de  traballadores que superaron a proba dos sete meses accedan a un contrato indefinido ou para poder cubrir vacantes xeneradas por incapacidade que se produzan ata o 31 de decembro do 2020.
Esta medida da que se beneficiará aos 28 que aínda están por evaluar no caso de que superen dita proba no futuro e sempre que se necesite contratar persoal. A esto hai que sumar os nove que dende o 15 de xaneiro xa pasaron a ser fixos na plantilla.
Por outra banda, o persoal das outras dúas plantas que sexa recolocado na factoría cervense, non sustituirá aos traballos realizados por empresas auxiliares.
A dirección da empresa comprometese a revisar as aptitudes e coñecementos dos traballadores que podan estar interesadors nalguha vacante que se produza en Alúmina.
Ademais, no suposto do falecemento dalgún traballador afectado antes da finalización do plan, o beneficiario designado terá dereito a seguir percibindo as rentas de complemento que lle quedasen a dito operario falecido.
A empresa esixiu aos representantes sindicais a desconvocatoria das dúas xornadas de folga programadas para febreiro.
Precisamente durante eses días os traballadores votarron en referendum o preacordo acadado que foi claro por unha ampla maioría. Os traballadores de Alcoa San Cibrao queren que se implante o plan de baixas incentivadas para maiores de 57 anos e que boa parte dos traballadores temporais pasen a fixos cubrindo esas vacantes, de 618 votos, 482 foron si (78%) e 116 non (18,85).
O comité de Alcoa apresurou a compañia e as administracións a que traballen con urxencia para que as ofertas de inversores cheguen o máis pronto posible, xa que o periodo de recepción marcado en principio é o 30 de xuño. No caso de que non houbese comprador, o presidente do comité mariñao di que o acordo é por si non hai comprador, pero o obxetivo é que non pechen as plantas.
PARTIDO POPULAR

Mentres, o candidato ao Congreso, Jaime de Olano, e o senador e membro da Deputación Permanente, José Manuel Barreiro, acompañados da presidenta provincial, Elena Candia, e dos alcaldes de Cervo e Xove, Alfonso Villares e Demetrio Salgueiro, respectivamente, denunciaron “a profunda desidia” do Goberno Central para impulsar un estatuto do consumidor electrointensivo que garanta os 2.000 postos de traballos directos e indirectos que dependen desta multinacional, así como o mantemento da mesma.

Os populares póñense así de lado dos traballadores; de aí que, o vindeiro martes, día 26, ás 11:00 horas, o propio Olano recibirá no Congreso ao Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao e, o día 28, aos representantes deste órgano en Avilés e A Coruña.

Deste xeito, dende o PP esixen ao Goberno socialista que rectifique, pois “prefire ter contentos a certos colectivos, antes que garantir o emprego e a supervivencia dunha empresa coma esta, que é un dos motores económicos da Mariña”. Por este motivo, a presidenta provincial tamén trasladou que, ademais de na Deputación, o Partido presentará mocións en todos os Concellos da Mariña, xa que, grazas a esta empresa, son moitas as familias que subsisten cada día.

“Cremos que o Partido Socialista ten unha oportunidade extraordinaria para rectificar pois, do contrario, o castigo á Mariña sería irremediable e só tería un culpable: o Goberno do Sr. Sánchez, coa complicidade do PSdeG en Lugo e en Galicia”, defendeu Olano.

Na mesma liña, o alcalde de Cervo destacou que, xa que mañá é venres, “agardamos que sexa deses venres sociais que está facendo o Estado e onde aproben un decreto que beneficie ao traballo na Mariña. Esperamos que sexa, por tanto, o día do decreto social da Mariña”, sentenciou.

A actuación do Executivo do PSOE “fai saltar todas as alarmas”, pois o regulamento que pretende aplicar non dá unha resposta integral ás necesidades destas empresas. Tal é así que non establece un marco estable e competitivo que permita determinar un prezo que poña en igualdade de condicións ás empresas españolas coas de Europa.

Diante esta “crítica e alarmante” situación, os populares adiantaron que pedirán nas respectivas Cámaras que se teñan en conta as alegacións presentadas tanto pola factoría como pola Xunta de Galicia. Trátase, en definitiva, que, dende os Ministerios implicados, se impulsen medidas fiscais e lexislativas como as que están a aplicar outros países da Unión Europea. É o caso de Alemaña ou Francia e que inclúan rebaixas sobre os peaxes, garantías sobre os mecanismos de compensación de CO2 e compensacións ante o custo enerxético destas empresas.

A solución pasa, segundo defenderon por unha política que reduza custos e favorecer interconexións eléctricas co resto de Europa e pola introdución no orzamento de partidas presupostarias, tal e como fixo o PP, que incorporou nas contas públicas do pasado ano 150 millóns de euros.

“Dende a moción de censura non se fixo nada. O que temos é unha absoluta pasividade ante a suba do prezo da enerxía a medio e a longo prazo. Nin tan sequera executaron as partidas previstas. Cremos, por tanto, que o PSOE non pode dar así as costas aos traballadores e á economía das 6.000 familias que dependen desta fábrica”, remarcaron.

A este respecto, e en clave máis autonómica, o candidato ao Congreso engadiu que “o Sr. Sánchez non só pon en risco o futuro desta comarca e os 70.000 veciños, senón que, coa política enerxética e industrial que levou a cabo durante estes nove meses, puxo en perigo a continuidade de Alcoa en Lugo e A Coruña, ENCE en Pontevedra, PSA en Vigo e FerrolAtlántica”. A este respecto, para o popular, “a conclusión máis evidente é que a Galicia lle vai mal, moi mal co Sr. Sánchez na Moncloa”. A mellor proba disto, sinalou, é que no Presuposto “xa lle intentou quitar 63 euros a cada galego para darllos a outras Comunidades máis ricas que a nosa”.

A industria do aluminio é moi electrointensiva. Isto implica que os seus custos son moi sensibles ao prezo da electricidade. Só as tres sedes de Alcoa supoñen máis do 3% da demanda total da electricidade en España. Por este motivo, lamentaron que, malia ser da Mariña e coñecedora, por tanto, da importancia do mantemento de Alcoa para a economía local e mesmo provincial e autonómica, lamentaron “a escasa sensibilidade” da subdelegada do Goberno.

“Nin ela, nin o Sr. Losada  foron quen de trasladar aos seus superiores a crónica situación que pode afectar a esta empresa. É unha lástima que a Sra. Rodríguez aínda non se pronunciase ao respecto; o que nos leva á conclusión de que calquera veciño pode comprobar como de nada serve ter aos socialistas no Goberno. Dende logo os mariñanos, e os lucenses en xeral, non lles debemos nada a este PSOE”, afirmaron con rotundidade.

Por iso, dende o PP defenden que só un cambio o 28 de abril sería a solución para dar estabilidade ao país en xeral.

0.12036108970642