Javier Castiñeira será de novo o candidato do PP á alcaldía de Foz

Foz
AMariñaXa
Javier Jorge Castiñeira, actual portavoz popular en Foz e na Deputación, será de novo o candidato do PP á alcaldía de Foz
pp foz javier castineira
pp foz javier castineira
11 dic 2022

Javier Jorge Castiñeira, actual portavoz popular en Foz e na Deputación, será de novo o candidato do PP á alcaldía de Foz. Así se deu a coñecer hoxe no transcurso da homenaxe tributada ao ex concelleiro, xa falecido, Pedro Fernández Manín, na que, entre outros participaron, a secretaría xeral do PPdeG, Paula Prado; a presidenta provincial do PP, Elena Candia; o coordinador xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro; o secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal, e Javier Castiñeira, que asegurou que ten “a mesma ilusión ou máis que a primeira vez, e teño o mesmo convencemento ou máis de que o mellor equipo e o máis preparado será o que presentará o PP”.

Paula Prado puxo en valor que Javier Castiñeira e o seu equipo herdaron en 2011 “un concello arruinado por un goberno socialista” e foron quen de deixalo en 2019 como “un concello con futuro e con proxectos que melloraron a calidade de vida dos veciños”. Por isto, animou á agrupación local a traballar para “conseguir que o próximo 28 de maio Foz volva tinguirse de azul e continúe na senda da que nunca tivo que desviarse”. “A candidatura de Javier Castiñeira constitúe unha alternativa solvente e con experiencia fronte a un alcalde socialista que durante catro anos só se dedicou a botar balóns fóra e a calar ante os continuos agravios de Pedro Sánchez a Galicia e á Mariña lucense”, afirmou a secretaria xeral dos populares galegos. A continuación, engadiu que é o momento de que, da man do Partido Popular, os veciños de Foz “recuperen un goberno que vele polos seus intereses, que teña na defensa do seu benestar a súa única motivación e que loite por un concello e unha comarca prósperas e con futuro”. “Precisamos ter unha maioría absoluta para poder gobernar e sabemos que podemos conseguila, porque somos maioría fronte ás políticas socialistas e nacionalistas que en nada benefician nin a España, nin a Galicia, nin a Foz”, concluíu.

Así mesmo, a secretaria xeral quixo sumarse “a título persoal e en nome de todo o Partido Popular de Galicia” á homenaxe a Pedro Fernández Manín, destacando a súa xenerosidade, a súa capacidade de diálogo, a súa preocupación por resolver os problemas dos seus veciños e o seu sentido da xustiza como “valores que dignifican a política” e que constitúen “un exemplo a seguir”.

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, puxo en valor a xestión efectuada por Javier Castiñeira e os seus compañeiros, sinaladamente Pedro Fernández Manín, durante os oitos anos que gobernaron o Concello de Foz. Resaltou o alto nivel inversor e de cumprimento dos compromisos adquiridos cos veciños de Foz. Expresou o compromiso do PP cos veciños de Foz e con Javier Castiñeira para recuperar a alcaldía. Candia puxo en valor igualmente a capacidade de diálogo demostrada por Castiñeira, e o seu equipo, durante os oito anos que gobernou, en minoría. A presidenta dos populares lucenses lembrou tamén a capacidade demostrada por Castiñeira e o seu equipo para atraer investimentos para Foz.

O coordinador xeral e portavoz provincial dos populares lucenses, José Manuel Balseiro, destacou que “o PP, durante os oito anos que gobernou Foz con Javier Castiñeira na alcaldía,  fixo un gran labor, un gran traballo, unha gran  xestión”. Indica: “Agora os focenses van ter ocasión de comparar as obras que se fixeron durante os mandatos do Partido Popular e as que se fixeron neste último, que practicamente foi ningunha”..

Javier Castiñeira, polo seu lado, destacou ao homenaxeado e o seu traballo no Concello. “Pedro e eu eramos máis que amigos, eramos compañeiros, compartimos momentos moi importantes, obxectivos comúns e un sentimento, o de facer o ben para o pobo; quizá a xente nos recorde dos anos nos que compartimos goberno como un alcalde e un tenente de alcalde en plena sintonía. Non é unha casualidade, polo tanto, que quixeramos compartir este acto de  homenaxe a Pedro e o meu nomeamento como candidato para as eleccións municipais polo PP”.

Castiñeira sinalou: “O proxecto que naceu no 2010 tiña por obxectivo servir a Foz dende as siglas do PP e facelo dende a humildade e a honradez, con cercanía, con xustiza para todos e traballando en equipo, con lealdade entre nós, que foi o que nos levou a conseguir os obxectivos”. Manifestou: “Os valores do PP de Foz son os mesmos que no ano 2010; non é casualidade que coincidan  estes dous actos porque o sentimento de lealdade e compromiso é o que me leva a min a asumir novamente este reto. Serán as cuartas eleccións que disputo e podo asegurar que teño a mesma ilusión ou máis que a primeira vez, e teño o mesmo convencemento ou máis de que o mellor equipo e o máis preparado será o que presentará o PP”. Nesta ocasión “os veciños poderán comparar dous modelos: por un lado, o de equipos de verdade, que funcionan, no que todos suman e no que todos fan falla, ou e un equipo como de o de agora, bipartito, de dez concelleiros que ao final no pleno levantan  a man e nos que só un ordena e manda, que é a situación que estamos a vivir hoxe en Foz”.

Castiñeira di que, como sempre, “o PP ofrecerá certezas, traballo, responsabilidade e determinación para sacar as cousas adiante”. Lembrou que nos oito anos en que o PP gobernou “transformamos as rúas comerciais de Foz e o porto, reformamos as instalacións deportivas, trouxemos o urbanismo a Foz co PXOM e os inventarios de camiños e de bens públicos, transformamos as festas importantes de Foz, construímos unha residencia da terceira idade, reformamos colexios, xestionamos a nova depuradora”. Acepta o reto electoral “con total convencemento de que somos a mellor opción para gobernar e que non  estaremos solos”. Está convencido de que “todo está a cambiar porque a xente non aguanta máis mentiras políticas como as de Sánchez e as de Tomé na Deputación ou mesmo do alcalde que temos en Foz, que por permanecer no goberno venden a quen sexa ou como sexa”. Sinalou: “No 2023 Feijóo será presidente do Goberno, Elena Candia alcaldesa de Lugo e o PP gobernará na Deputación e na Xunta; será o ano no que o PP de Foz volverá a gañar as eleccións e a xestionar este pobo como se merece”.