Javier Arias, crítico coa xestión do PXOM por parte da alcaldesa de Viveiro
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou durante unha visita a Viveiro para participar co director xeral de Maiores, Antón Acevedo, nun acto organizado pola residencia Betania, que a alcaldesa debe facer unha labor de autocrítica e reflexionar sobre a súa xestión no Plan Xeral de Ordenación Urbana de Viveiro, antes de botar as culpas aos demais pois a primeira que actuou mal foi ela. Así, afirmou que leva preto de 13 anos traballando nun PXOM que contaba con numerosas eivas, como se lle trasladou desde o primeiro momento desde distintos departamentos da Xunta.
No que respecta á Augas de Galicia, este órgano actuou coa máxima celeridade e responsabilidade en todas as xestións que tivo que realizar nos últimos anos vencelladas co plan xeral de Viveiro. De feito, as últimas solicitudes de información do Concello de Viveiro a Augas de Galicia foron respondidas en menos dun mes e atendéronse todas as cuestións coa máxima rapidez dentro do laboriosos que son este tipo de trámites.
A finais de 2022 emitiuse informe favorable desde Augas de Galicia, polo que pasou case ano e medio no que non se aprobou definitivamente o PXOM, cuestión da que para nada se pode responsabilizar a Augas de Galicia, aseguran. En canto a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o plan xeral conta co informe favorable da desde xullo do 2017. Na súa resolución, indicábanse cuestións puntuais que debían integrarse no documento para a aprobación definitiva do plan. Previamente, en xaneiro do 2013, Patrimonio emitira informe desfavorable solicitando a modificación de distintos puntos ao Concello de Viveiro, pero este non acreditou a inclusión das correccións necesarias ata abril do 2017.
En todo caso, durante ese período a colaboración coa Administración local foi constante, e contrastable nos contactos entre o equipo redactor do PXOM e a Subdirección Xeral de Protección para clarificar dúbidas e determinar as previsións do documento final en materia de protección do patrimonio cultural.