Isabel Oliveros Martínez recibe o Premio Vegadense do Ano pola súa traxectoria educativa e social

AMariñaXa
A mestra xubilada será homenaxeada este venres no Auditorio Félix Menéndez durante a entrega da XXVIII edición dun galardón impulsado pola asociación Amigos de Vegadeo e o seu Concello
Vegadense-del-año-2026-isabele-oliveros
27 Jul 2026

A mestra xubilada Isabel Oliveros Martínez será recoñecida co Premio Vegadense do Ano, un galardón que alcanza este ano a súa XXVIII edición e que distingue persoas cunha especial vinculación coa vida e o desenvolvemento do concello de Vegadeo. A entrega do premio terá lugar no Auditorio Félix Menéndez o xoves 6 de agosto ás 20:30 horas.

O xurado deste prestixioso recoñecemento, promovido pola asociación Amigos de Vegadeo e o seu Concello, decidiu outorgarlle a distinción a Oliveros Martínez pola súa ampla traxectoria profesional no ámbito educativo e pola súa constante implicación na dinamización social e cultural da localidade.

A homenaxeada desenvolveu durante máis de tres décadas unha intensa carreira como mestra, directora e formadora de formadores, unha etapa na que deixou unha fonda pegada no ensino. Entre os seus cargos figura a dirección do Colexio Público Jovellanos e o seu labor como profesora de Bacharelato no desaparecido Liceo.

Ademais da súa dedicación á docencia, o xurado tamén puxo en valor a súa participación activa na vida colectiva de Vegadeo. Isabel Oliveros colaborou en diferentes iniciativas culturais e sociais do municipio, asumindo responsabilidades na Biblioteca Pública Municipal e participando en entidades como Amas de Casa, Caridad Vegadense e Medalla Milagrosa.

A súa implicación estendeuse tamén a proxectos como o cine-forum, a organización da Feira de Mostras e a publicación Vegadeo a sus Hijos Ausentes, entre outras actividades orientadas a fortalecer a identidade e a participación cidadá.

Oliveros Martínez, natural do concello de El Franco, chegou a Vegadeo tras completar os seus estudos universitarios por libre, localidade que escolleu como lugar de residencia e onde desenvolveu boa parte da súa traxectoria persoal e profesional.

Desde a organización informan de que, por motivos organizativos, o acceso ao acto estará restrinxido ás persoas con invitación ata a chegada da premiada ao recinto. Unha vez producido ese momento, abrirase a entrada ao público segundo as indicacións establecidas.

0.12274980545044