Iria Braña gaña o VII Premio de Poesía Filomena Dato coa obra 'Un xardín no espazo da linguaxe'

A poeta Iria Braña López, natural de Alfoz (Lugo), recibiu o VII Premio de Poesía Filomena Dato pola súa obra 'Un xardín no espazo da linguaxe'. A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, foi a encargada de entregarlle o galardón nun acto celebrado na Senra, no que tamén participou a gañadora da edición anterior, Nuria Mosqueira Varela.
O premio, convocado polo Concello de Bergondo, conta cunha dotación económica de 2.500 euros e inclúe a publicación da obra gañadora pola editorial Apiario, dentro da colección de poesía Filomena Dato. A editora coordina o certame e asume tamén o proceso de edición, impresión, distribución e promoción do poemario.
O xurado escolleu a proposta de Braña pola súa construción poética e pola maneira de abordar temas clásicos desde unha perspectiva propia. Na valoración tamén destacou a conciencia da arquitectura dos poemas, especialmente dos seus finais, o control da estrutura global da obra e o uso de elementos transversais como a cerimonia e o rito. Ademais, salientou a incorporación de conceptos musicais na creación do imaxinario poético.
O fallo foi decidido por un xurado presidido, sen voto, pola alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, e integrado por Antía Otero, como secretaria; Leticia M.ª Rey, como funcionaria; e Dores Tembrás, Lucía Aldao e Emma Couceiro, como vogais.
A entrega do premio serviu tamén para dar a coñecer o traballo da anterior gañadora. Nuria Mosqueira Varela presentou o poemario co que obtivera o galardón na pasada edición e participou nun faladoiro xunto a Iria Braña, ademais de asinar exemplares.
Unha autora recoñecida tamén no certame Francisco Añón
Iria Braña López naceu en 1995 en Alfoz e cursou Filoloxía Clásica na Universidade de Santiago de Compostela, estudos que complementou cun Minor en Teoría e Crítica Literaria na mesma facultade. Este ano 2026 obtivo tamén o primeiro premio do certame de poesía Francisco Añón, impulsado polo Concello de Outes.
O Premio Filomena Dato busca impulsar a creación poética en galego e contribuír á difusión da figura histórica que lle dá nome. Filomena Dato Muruais (1865-1926) foi unha autora fundamental do Rexurdimento, cuxa memoria o Concello de Bergondo pretende manter viva a través desta convocatoria literaria.