Investiranse 46.000 euros na reforma do campo de Malates, en Foz

Foz
AMariñaXa
A Deputación de Lugo financiará a reforma do campo de fútbol de Malates, en Foz.
campo Malates Foz
2 Feb 2021

A Deputación de Lugo financiará a reforma do campo de fútbol de Malates, en Foz. A área de Deportes investirá preto de 46.000 euros nas obras, que mellorarán as condicións de uso destas instalacións que empregan habitualmente máis de 300 deportistas.

As actuacións previstas consisten no arranxo do céspede artificial, na substitución das canalizacións do sistema de drenaxe que rodean o terreo de xogo e na reparación da cuberta, das varandas e das escaleiras de acceso á grada. Tamén se farán diferentes obras de carpintería, albanelería, fontanería e pintura para mellorar os vestiarios. Ademais, reconstruirase con bloque unha parte do muro perimetral do recinto, que fora derrubado por un temporal e arranxado provisionalmente cunhas chapas metálicas.

Co arranxo do terreo de xogo veranse solucionadas moitas das demandas dos usuarios, posto que as roturas no céspede artificial provocaban moitas queixas, igual que os vestiarios, moi deteriorados polo paso do tempo e o uso xa que non se reformaron desde que se construíu o campo”, explican dende o Concello.

As instalacións acollen habitualmente adestramentos e competicións de deportistas do CD Foz, do AD Santiago de Foz ou do Club Atletismo Ría de Foz, de diferentes categorías, e tamén dos equipos de veteranos de CD Foz e Rapadoira Llas. Ao longo do ano albergan ademais distintos eventos e celebracións deportivas, desde campus estivais ata actividades organizadas polo centros educativos.

0.15580415725708