Instalarán puntos lila e arco iris nos oito principais festivais de música de Galicia

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
Estes espazos de sensibilización, asesoramento e atención percorrerán O Son do Camiño, Resurrection Fest, Festival de Ortigueira, Portamérica, Atlantic Fest, Morriña Fest, Río Verbena e Caudal Fest
puntos-lila-e-arco-iris-festivales
18 Jun 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou que a Xunta fomentará un ano máis a igualdade nos oito festivais de música de Galicia con máis afluencia de público. Será a través dos puntos lila e arco iris, como o que visitou esta mañá no Son do Camiño.

Estes espazos seguros, máis visibles e máis accesibles, estarán dispoñibles ata o peche do festival e contarán con dúas áreas diferenciadas, nas que profesionais especializadas na promoción da igualdade e na atención fronte a posibles agresións ofrecerán, por una banda, asesoramento e actividades de sensibilización e, por outra, atención e acompañamento.

Ademais de no Son do Camiño, os puntos lila e arco iris, grazas á colaboración de Turismo de Galicia, estarán abertos no Resurrection Fest (Viveiro), no Festival de Ortigueira, no Portamérica (Portas), no Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa), no Morriña Fest (A Coruña), no Río Verbena (Pontevedra) e no Caudal Fest (Lugo).

Dende a súa posta en marcha en 2024, máis de 35.000 persoas acudiron aos puntos lila e arco iris. Grupos de amigos, parellas ou mesmo pais con fillos adolescentes achegaron as súas dúbidas e inquedanzas, e participaron en conversas sobre aspectos das relacións afectivas e a intimidade. Este servizo de orientación, en colaboración cos centros Quérote+, terá continuidade este ano, no que tamén se realizarán dinámicas baseadas en casos reais acerca do que é o bo trato en parella ou a necesidade de poñer límites.

“Promover as relacións sas e falar do que fala a mocidade” son, segundo resumiu Fabiola García, dous dos obxectivos destes puntos de fomento da igualdade, convertidos xa en espazos seguros que ademais de sensibilizar e concienciar ofrecen ás persoas que se achegan acompañamento a atención.

O compromiso da Xunta de Galicia coas iniciativas que dan pasos cara a unha igualdade real entre mulleres e homes é total. En todos os ámbitos e con todos os grupos sociais. “Unha igualdade na que a mocidade ten moito que dicir”, indicou a conselleira, que rematou: “Por iso, este verán queremos que nos festivais soe a música e, como di o lema dos puntos lila e arco iris, que soe o respecto”.

0.14406204223633