Instalan en Viveiro paneis sobre o risco de inundación en varios puntos dos ríos Fontecova, Trasposta e Pé de Boi

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, instalou recentemente un total de 27 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación nos ríos Fontecova, Trasposta e Pé de Boi, ao seu paso polo concello de Viveiro.
O obxectivo desta sinalización é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a episodios de chuvia intensa, así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que se produzan. En concreto, colocáronse 7 carteis de distintos tipos no río Fontecova, 14 no río Trasposta, e 6 no río Pé de Boi, nas respectivas áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
Segundo se recolle no Plan de Xestión de Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta zona pertence ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as áreas fluviais de maior perigosidade desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.
Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a concienciación pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles de Galicia-Costa.
Deste xeito, cómpre lembrar que, ata o momento, Augas de Galicia colocou xa este tipo de indicadores en 36 concellos con áreas de alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Ames, Brión, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso, Santiago de Compostela, Cuntis, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Vigo, Cangas e Viveiro.
O organismo hidráulico adoita sinalizar e combinar diferentes formatos e tipoloxías de carteis nas zonas, como os xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.
Ademais, Augas de Galicia reforza deste xeito o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.
No caso concreto de Viveiro, os traballos para instalar carteis na contorna dos ríos Fontecova, Trasposta e Pé de Boi, que supuxeron un investimento de máis de 10.000 euros, enmárcanse no contrato do organismo hidráulico autonómico para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación.
Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi cómpre lembrar que tamén se desenvolven diferentes obradoiros en centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñan as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.