Inician o luns unha escavación arqueolóxica no Castro de Zoñán de Mondoñedo

GaliciaXa | AMariñaXa
A intervención pretende definir unha serie de estruturas que se tiñan localizado na parte oeste da área aberta entre os anos 2002 e 2009
Mondonedo-castro-zonan
19 Sep 2026

O Castro de Zoñán de Mondoñedo comezará unha nova campaña arqueolóxica este luns día 21 de setembro coa fin de ampliar a área aberta e, con iso, achegarse a unha superficie aberta e visitable duns 1000m2. Con isto, Zoñán consolídase como o Castro con maior superficie escavada en toda A Mariña Lucense con máis do dobre de calquera outro da contorna. A intervención arqueolóxica, neste 2026, desenrolarase durante as próximas tres semanas entre traballos de escavación e protección.

A presente campaña, que executa o Concello de Mondoñedo, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través dun convenio asinado entre a Consellería de Cultura e o Concello cun importe que ascende a 20.000€.

No presente ano, a campaña de intervención, pretende definir unha serie de estruturas que se tiñan localizado na parte oeste da área aberta entre os anos 2002 e 2009.

Para contextualizar a intervención, convén lembrar que o Castro de Zoñán é un dos castros históricos de Galicia ao ser este o primeiro que recibe unha intervención arqueolóxica de carácter científico en setembro de 1867 a cargo do arqueólogo e historiador José Villaamil y Castro.

A actividade arqueolóxica foi retomada polo Concello de Mondoñedo no ano 2002 coa colaboración de diversas institucións entre a que destacou a Consellería de Cultura que financiou a gran maioría das mesmas entre o 2002 e 2010, apostando así pola investigación neste xacemento mindoniense.

Esta campaña 2026 é a segunda consecutiva que se executa en Zoñán, tras a do ano 2025 que consistiu na consolidación definitiva dunha cabana de dobre porta. A actuación, que tamén contou co financiamento da Consellería de Cultura, únese agora a esta e, con iso, dáselle continuidade á aposta da institución local e autonómica polo patrimonio local e posta en valor do mesmo.

A escavación estará aberta a visitas durante o transcurso da mesma e, cara aos comezos do mes de outubro, organizarase unha visita guiada ao xacemento para explicar, in situ, os restos atopados na campaña e a relación destes cos datos xa coñecidos do castro.

0.14525818824768