Iniciadas as obras de eliminación de barreiras arquitectónicas no entorno do casco urbano de Vilanova de Lourenzá

AMariñaXa
O Concello de Lourenzá iniciou as obras incluídas no proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas no entorno do casco urbano
ELIMINACIoN DE BARREIRAS ARQUITECToNICAS EN LOURENZa (1)
ELIMINACIoN DE BARREIRAS ARQUITECToNICAS EN LOURENZa (1)
10 Feb 2023

O Concello de Lourenzá iniciou as obras incluídas no proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas no entorno do casco urbano de Vilanova. A alcaldesa, Rocío López, e o concelleiro de Obras, Javier Huertas, visitaron os lugares onde se están desenvolvendo eses traballos.

Rocío López, explica que “estas actuacións englóbanse dentro dun Plan de Adaptación e Supresión de Barreiras para a Área de Rehabilitación Integral do casco antigo de Lourenzá e marcan o inicio das intervencións de cara a un futuro cunhas infraestruturas máis accesibles para todos e todas e sen barreiras. En concreto as actuacións descritas no proxecto céntranse en varias beirarrúas e pasos de peóns que non cumprían coa actual lexislación en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras. Esta actuación supón o inicio dunhas obras que eran moi necesarias para facilitar a accesibilidade e mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade e mobilidade reducida. Estas obras son fundamentais para avanzar de cara a un municipio inclusivo e accesible que garanta a autonomía das persoas e na que todos os cidadáns teñan igualdade de oportunidades”.

A rexedora municipal engade que esta actuación “contempla a resolución dos desniveis nos recorridos peonís entre as beirarrúas e os pasos de peóns de dous xeitos distintos, de acordo á súa situación e condicionantes: elevando a plataforma do propio paso de peóns ata o nivel da beirarrúa existente ou ben rebaixando a plataforma da beirarrúa, con recorridos accesibles, ata o nivel da plataforma da vía existente.

A maiores levarase a cabo un pintado dos pasos de peóns e demais marcas viarias para garantir unha circulación segura tanto para vehículos como para peóns”.

O presuposto destas obras ascende a 43.261 euros.

0.14229106903076