Inés López Couto acusa ao PP de tentar desprestixiar o Entroido de Foz

A concelleira de Cultura de Foz, Inés López Couto, saíu ao paso das críticas realizadas polo voceiro do Partido Popular, Javier Castiñeira, á organización do Entroido, e reclamoulle que abandone o que cualifica como unha estratexia de confrontación que, ao seu xuízo, prexudica a imaxe dunha das celebracións máis emblemáticas do municipio.
López Couto considera “inadmisible” que desde o PP se tente poñer en cuestión o bo nome do Entroido de Foz cun discurso que, segundo afirma, cambia cada ano en función do interese político. A responsable de Cultura lembra que no pasado Castiñeira cuestionou a localización da carpa e chegou a augurar problemas de seguridade, mentres que nesta edición critica as normas de acceso á cea de coroación, malia que estas manteñen o mesmo criterio de sempre, agora cun sistema de inscrición máis áxil a través dun formulario web.
Desde o goberno municipal advirten de que resulta especialmente grave que se reclame superar o aforo permitido, algo que, segundo subliña a concelleira, iría en contra da normativa vixente e dos plans de seguridade establecidos. “Un ano din que hai demasiada xente e ao seguinte que falta espazo; esa incoherencia non axuda en nada”, apunta López Couto, quen tampouco entende que se reclame a creación dunha comisión de festas cando no pasado, asegura, foi duramente cuestionada polo propio Castiñeira.
A concelleira de Cultura tamén vincula estas críticas a unha estratexia máis ampla da oposición, lembrando que recentemente o PP votou en contra no pleno dunha iniciativa municipal para adquirir un solar destinado á construción de vivenda de alugueiro social. Segundo López Couto, ao non obter o respaldo veciñal nese asunto, o PP opta agora por trasladar a confrontación ao ámbito festivo.
Desde o Concello destacan que o Entroido de Foz atravesa un momento de consolidación e éxito. López Couto lembra que cando o actual goberno asumiu responsabilidades a cea de coroación contaba con menos de mil asistentes e con longas colas presenciais para conseguir entrada. Na actualidade, o evento dispón dun aforo regulado de 1.450 comensais, cun plan de seguridade específico, controis de acceso e unha organización coordinada.
A edil subliña que nos últimos anos se introduciron melloras continuas, como a implantación da gala de elección, o reforzo das medidas de seguridade ou a creación do Fozódromo, xa convertido nun espazo emblemático do Carnaval. Ademais, lembra que no ano 2023 se acadou a declaración do Entroido de Foz como Festa de Interese Turístico Galego, un recoñecemento que cualifica de logro colectivo.
De cara ao futuro, López Couto asegura que o Concello está aberto a propostas e cambios, sempre canalizados a través das reunións periódicas cos grupos e peñas do Entroido. Por último, avanzou que nos vindeiros días se contactará coas persoas que permanecen en lista de espera, en función das posibles renuncias, reiterando que a seguridade será sempre a prioridade, aínda que iso implique deixar xente fóra por razóns de aforo.