Inaugurada a renovada rúa focega Costa do Castro
A institución provincial achegou medio millón de euros, o 80% do orzamento necesario para acometer unha obra grazas á que os veciños contan agora cunha "vía en boas condicións”, pola que “poden pasear e desprazarse con comodidade e seguridade dende o centro da vila a servizos e lugares como o cemiterio, a residencia de persoas maiores ou o barrio de Marzán”.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, inauguraron este xoves as obras de urbanización da rúa Costa do Castro. Unha actuación moi esperada polo Concello mariñán e na que ambas institucións investiron para facela realidade un total de preto de 600.000€; dos cales a Deputación aportou o 80%, isto é, 466.880€, e o Concello, o 20% restante, que ascende a 116.720€.
“Esta actuación supón unha mellora de primeira orde en canto á mobilidade na trama urbana de Foz”, subliñou o Presidente, quen destacou que “se verá complementada coa construción do terceiro acceso á vila, ao conectar a N-642 co barrio de Marzán, un proxecto no que o Concello está a traballar co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana”.
Detallou Tomé Roca que os traballos da rúa Costa do Castro consistiron na renovación do firme da rúa, o soterrado do tendido eléctrico e a dotación de beirarrúas e alumeado. Agora, grazas a este proxecto, a veciñanza “conta cunha vía urbanizada, en boas condicións”, pola que “pode pasear e desprazarse con comodidade e seguridade dende o centro da vila a servizos e lugares como o cemiterio, a residencia de persoas maiores ou o barrio de Marzán”.
Pola súa banda, Francisco Cajoto asegurou que esta é “unha obra moi importante para Foz, unha vella aspiración deste Concello, que levaba décadas esperando por un proxecto coma este”. O alcalde sinalou tamén que ter rematada esta actuación “supón un paso decisivo de cara a mellora da mobilidade e de cara a vila que queremos e pola que estamos a traballar dende o Concello”.
Na inauguración, o presidente e o alcalde estiveron acompañados pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, concelleiros e concelleiras do Goberno local e veciños e veciñas de Foz.
Humanización da conexión do centro coa Rapadoira
Tras percorrer esta rúa, as autoridades supervisaron as obras que mellorarán a conexión entre o centro urbano e a praia da Rapadoira e a zona da hostalaría, para as que a institución provincial achega outro medio millón de euros. O Concello completa o investimento con 224.000€ para chegar a un orzamento conxunto de preto de 800.000€. Outra actuación “determinante” para a mobilidade e a accesibilidade de Foz.
As obras permitirán establecer un itinerario peonil cómodo e seguro entre o casco urbano e a Rapadoira, adaptado ás persoas con mobilidade reducida. Os traballos comezaron desde Trapero Pardo e foron avanzando cara o centro da vila. Consisten na instalación de novas canalizacións de abastecemento, rede eléctrica e alumeado público, con substitución das luminarias existentes na baixada das Casas Baratas e os farois nos viais da praza de Galicia. Ademais, ampliaranse as beirarrúas e o tráfico terá un sentido de circulación, cara a praia.
O mandatario provincial asegurou que as dúas actuacións “enmárcase na prioridade da Deputación de Lugo de colaborar cos concellos, pero tamén demostran a boa xestión e a planificación do Concello de Foz, que traballa para avanzar na mellora das comunicacións”. Nese sentido, felicitou ó Alcalde e ó seu equipo de Goberno polo “extraordinario traballo que están facendo para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas, e para dinamizar a vida social e económica do concello”.
Compromiso con Foz
Estas obras compleméntanse coas realizadas recentemente na estrada que une San Acisclo con Alfoz, a LU-P-0210, xa finalizadas e que serviron para a ampliación e mellora da vía cun investimento da Deputación de 110.000€.
No conxunto do mandato, a institución provincial achegou a Foz un total de 3,5€, “unha proba clara do compromiso que ten a Deputación de Lugo co Concello de Foz e cos seus veciños e veciñas”, manifestou o Presidente. Un compromiso con Foz “que tamén se produce co resto de concellos da provincia, porque a prioridade da Deputación de Lugo é esa: colaborar cos Concellos. Como xa temos acuñado, a Deputación de Lugo é o Concello dos concellos. Un concello grande que colabora cos concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos á cidadanía”, incidiu José Tomé.