Impulsan un programa de rutas para desestacionalizar o turismo da Mariña

AMariñaXa
A Deputación e a Mancomunidade poñen en marcha a quinta edición da iniciativa conformada por 16 actividades para dar a coñecer o patrimonio natural e cultural
Presentación-do-programa-de-Outono-mancomunidade
23 sep 2024

A Deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas, e tamén Alcaldesa de Burela, Carmela López, participaron na presentación da quinta edición do programa de outono de rutas e visitas guiadas polos 16 concellos da Mariña. O acto celebrouse no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz. A Deputación de Lugo apoia este proxecto, impulsado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña, cunha achega anual de 25.000 euros, destacando o seu compromiso cun "turismo sostible, que pon en valor a nosa identidade, respecta o patrimonio natural e favorece o desenvolvemento local", segundo subliñou López.

Baixo o lema A Mariña. Plans con corazón. 16 rutas e visitas guiadas por 16 concellos, o programa ofrece unha serie de actividades que buscan dar a coñecer a riqueza natural e cultural da rexión, promovendo o turismo ao aire libre e en contacto coa natureza. Carmela López destacou que o obxectivo do proxecto non é fomentar un turismo rápido, senón que os visitantes poidan "saborear" a Mariña e gozar da súa tranquilidade e beleza, especialmente durante o outono.

Tamén sinalou que a diferenciación turística será clave para o futuro do sector, asegurando que a Mariña "ten moito que ofrecer". Rocío López, Presidenta da Mancomunidade e Alcaldesa de Lourenzá, fixo fincapé no éxito das anteriores edicións, nas que participaron preto de 1.000 persoas desde o ano 2020. A edición de 2024 seguirá a mesma liña, organizando rutas e visitas guiadas por guías oficiais e anfitrións locais, co obxectivo de continuar difundindo o valor cultural e natural dos concellos da Mariña.

As actividades terán unha duración de entre 2 e 4 horas, con grupos limitados a 25 persoas, e o custo variará entre 5 euros para unha persoa, 8 euros para parellas e 12 euros para grupos de ata cinco membros. As reservas realizaranse a través da web oficial de Turismo de A Mariña Lucense.

0.19784498214722